A CIG denuncia que o novo sistema de control das baixas está a sobrecargar os centros de saúde da área de Vigo

A central sindical lamenta que a medida supoña tamén un “desprestixio” para o persoal médico de Atención Primaria
Vigo - 05 Xun 2026

A CIG-Saúde denuncia que o novo sistema de control das baixas por parte da Consellaría de Sanidade está a provocar unha maior sobrecarga na Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, ao tempo que incide no “desprestixio” do persoal médico de Atención Primaria.

Dende a central sinalan que o sistema de control das baixas implantado pola Xunta obriga o persoal médico a dedicar unha parte importante do seu tempo a revisar e elaborar informes relacionados con estes procesos. “Esta situación provoca demoras noutros procedementos asistenciais e non administrativos, nun contexto no que moitos centros de saúde xa presentan listas de espera superiores aos 15 días”. 

Esta situación provoca demoras noutros procedementos asistenciais e non administrativos, nun contexto no que moitos centros de saúde xa presentan listas de espera superiores aos 15 días

Ademais, este sistema cuestiona o labor da propia Inspección Médica do Sergas, organismo competente nesta materia, que, lonxe de verse reforzado con máis persoal, observa como a contratación de inspectores e inspectoras médicas se utiliza para desenvolver unha campaña política de desprestixio tanto da clase traballadora como das profesionais sanitarias. Así mesmo, contribúe á culpabilización do persoal médico de Atención Primaria do Sergas, “poñendo en cuestión o seu criterio profesional”.

Todo isto acontece nun momento especialmente crítico para a Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, consecuencia das “nefastas políticas” de recursos humanos desenvolvidas polo Sergas durante décadas. “Estas políticas provocan que as novas profesionais médicas non consideren a Atención Primaria en Vigo como unha opción laboral prioritaria”.

Diante disto, a CIG-Saúde esixe, unha vez máis, que se dote os centros de saúde dos recursos humanos e materiais necesarios; que se oferten todas as vacantes existentes na área sanitaria; que se dote o hospital dunha estrutura acorde ás necesidades actuais da poboación; e que se poña fin ás derivacións á sanidade privada co único obxectivo de facer negocio coa saúde da cidadanía.

“Estas son as medidas que realmente contribúen á recuperación das persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal, e non aquelas que unicamente están orientadas ao control e á persecución”, rematan.