A CIG denuncia que o MAPA discrimina ao persoal de Inspección de Pesca galego
A CIG-Administración denuncia a discriminación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) contra as e os inspectores de pesca de Galiza, tras da recente decisión de negar o pago do Sistema de Especial Dedicación (SED) ao colectivo de Pontevedra a partir do 1 de setembro.
Esta situación contrasta coa do persoal inspector de pesca que realiza actividades como as granxas de atún vermello, ao que o MAPA (Ministerio de Agricultura e Pesca) si prevé pagar pola súa dispoñibilidade como o SED.
Por iso, o colectivo non entende este trato discriminatorio que provoca a perda dun complemento salarial en concepto de dispoñibilidade que “non compartimos nin aceptamos”. Advirten, por iso, de que esta discriminación conlevará conflitividade naquelas provincias onde non se paga a dispoñibilidade coma na Coruña ou Pontevedra.
Xunto a isto, o colectivo inspector da CIG tampouco concorda con decisións como a de negar accesos a porto a barcos como os de Terranova. Barcos que explican que “veñen de meses de campañas no mar onde os mariñeiros desexan regresar ás súas casas”. Unha situación diante da que se preguntan “en que país do mundo se prohibe a un barco entrar ao seu porto base” e , en consecuencia, “como vai querer a xente ir ao mar á vista deste trato, á vista de que medidas como estas “ou prohibir o quiñón a un mariñeiro só pasa aquí”.
Pagar por dispoñibilidade
A esta decisión de prohibir o acceso a porto dos barcos, séguelle agora a de non pagar por dispoñibilidade en Pontevedra, co que “ao final quen seguirá pagando os platos rotos será a xente do mar”, denuncian.
Máis grave aínda consideran a intención da administración de que vaia só unha persoa de inspección de pesca a revisar e precintar un barco á súa entrada en fin de semana. Lembran que o protocolo NAFO, vixente dende o ano 2013, obriga a que sexan un equipo de polo menos dúas persoas inspectoras.
Á vista do mal momento que atravesa o conflito dos inspectores de pesca, que lonxe de solucionarse vólvese a agravar, anuncian que solicitarán a mediación das Xuntas de Persoal das Delegacións do Goberno e do propio Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. “Entendemos que a Mesa Única de Madrid non pode tratar toda a realidade de todos os portos, sendo especialmente insensible coa realidade das e dos inspectores de pesca galegos”.
Explican que a dispoñibilidade do colectivo de inspectores/as de pesca foi compensada cos descansos e salarialmente co chamado Complemento Específico. O certo que este último pago compensouse a maiores cunha produtividade semestral que ano tras ano foi a menos, xa que o aumento do número de persoas inspectoras superaba a dotación da bolsa para esta produtividade, co cal a percepción unitaria foi cada ano a menos.
Coincidindo coa aprobación da nova Instrución de Horarios, en setembro de 2023, a situación salarial mellorouse co pago dunha nova produtividade chamada Sistema de Especial Dispoñibilidade (SED), que retribuía a coñecida como “ultradispoñibilidade” en 2 horas.
O colectivo dos inspectores de pesca está formado na actualidade por 180 funcionarios dos cales, onde 53 están ubicados en Madrid, sendo Galiza a que máis inspectores ten na periferia con 30 (18 na provincia de Pontevedra e 12 na Coruña.