O Goberno español salta a Mesa Xeral do persoal empregado público e trata de negociar un novo acordo salarial no diálogo social

A central maioritaria na Galiza no sector público alerta das consecuencias “de pactos pola porta de atrás” que provocaron unha perda constante do poder adquisitivo no sector público
Nacional - 25 Mar 2025

O Ministro de Función Pública mantivo onte, luns 24 de marzo, unha xuntanza cos sindicatos estatais para negociar un novo acordo salarial na administración pública para os vindeiros anos. A área pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) denuncia que esta é unha práctica habitual nos últimos tempos “que tivo consecuencias moi negativas para os salarios e dereitos do persoal empregado público”.

Lembran que os últimos acordos asinados por CSIF, CCOO e UXT que se negociaron fóra do ámbito legal de negociación (a mesa xeral de negociación do persoal empregado público) “deixáronos unha perda de máis do 20% de poder adquisitivo e non foron capaces de derrogar a lexislación que nos impuxo os recortes na administración”. A Área Pública da CIG critica que o Goberno do Estado, coa complicidade dos sindicatos estatais, pretenda novamente alcanzar un acordo “sen atender as nosas reivindicacións e dando por bo que continuemos a perder poder adquisitivo”.

Para a CIG, esta situación “non é asumíbel”, polo que demanda que se estabeleza por lei unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC real que opere todos os anos, para que así “o que suba o IPC o suban tamén os nosos salarios”. O sindico maioritario no sector público en Galiza defende tamén  chegar a acordos salariais plurianuais que permitan gañar poder adquisitivo, “recuperando cando menos unha parte do que nos roubaron, e por iso para 2025 propomos un 5% en liña co que subiron os salarios na ámbito privado”.

De igual xeito, a área pública da CIG considera que ningunha persoa empregada pública debería estar no limiar do salario mínimo interprofesional “e a Mesa Xeral dos e das empregadas públicas debera ser o ámbito para abordar esta situación que cada vez é máis habitual, sobre todo na administración Local”.

Avanzar na redución da xornada

En materia de xornada laboral, a CIG aposta por avanzar xa na redución da xornada laboral a 35 horas semanais en 2025 e avanzar cara ás 32 horas en 2026, coas necesarias adaptación a diferentes ámbitos como o ensino ao respecto da docencia directa. Tamén defende a eliminación da taxa de reposición, a creación de novas prazas, a actualización dos perfís laborais (perfís dixitais) e a regulación do teletraballo “para adaptarnos á realidade actual e garantir o emprego público e o servizo de calidade á cidadanía”.

No que ten que ver coa xubilación, a central sindical oponse ás reformas do Goberno que pretenden eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación voluntaria até os 72 anos. “Defendemos a recuperación da xubilación parcial aos 61 anos para todo o persoal empregado público así como a recuperación da xubilación anticipada no Réxime de Clases Pasivas, xunto co aumento dos seus haberes reguladores para equiparar os réximes”, apuntan dende a área pública.

Xunto a isto, a CIG propón crear un ámbito de negociación específico para Galiza que promova o uso e coñecemento da nosa lingua no acceso e provisión de postos, así como un complemento salarial por este motivo porque  “queremos avanzar cara a unha sociedade con plenos dereitos lingüísticos”.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.