A CIG denuncia que o fondo de compensación non resarcirá as vítimas do amianto ao restrinxir o acceso e as contías
A CIG presentou as súas prospostas de modificación ao decreto que regulará o fondo de compensación para as vítimas do amianto, xa na súa actual redacción non dá resposta ás expectativas das persoas afectadas nin evita que teñan que seguir acudindo á vía xudicial para veren recoñecidos os seus dereitos. De feito, o acceso ás compensacións está rexistrindo a determinadas patoloxías, redúcense as contías con respecto ás que está recoñecendo a xustiza e ademais limítanse a dotación do fondo a 25 millóns de euros.
Diante destas eivas que converten a creción do fondo de compensación "en papel mollado", a CIG trasladou unha serie de consideracións e propostas ao BNG para que as leve a tanto ao Parlamento Galego en forma de Proposicións Non de Lei, como para que as incluía no posíbel acordo de investidura co PSOE que se está a negociar en Madrid. Así o explicaron este mércores o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', e o deputado nacionalista Ramón Fernández Afonzo, nunha rolda de prensa en Ferrol na que tamén participou a técnica do Gabinete de Saúde Laboral da CIG, Paula González, e o secretario comarcal, Manuel Anxo Grandal.
Tupi subliñou que malia a incidencia deste axente tóxico (entre 1994 e 2008 faleceron 3.943 persoas vinculadas co amianto), o Estado español non contaba aínda cun fondo de compensación para as vítimas, como xa existe dende hai anos noutros estados da UE como Francia, Holanda ou Bélxica.
A proposta de sacar adiante unha lei neste sentido, apuntou Fernández, partiu dunha iniciativa do Parlamento de Euskadi, que sufriu numerosos atrancos e problemas na súa tramitación. Ademais de superar os prazos previstos para a aprobación do regulamento, o contido do Real Decreto restrinxe o acceso das persoas afectadas a estas compensacións, contemplando unhas cantidades que cualificaron de "ridículas". Non se está polo tanto cumprindo nin coa función nin co espírito da proposta que non é outro que resarcir adecuadamente as vítimas do amianto.
Neste senso, Paula González incidiu en que a orixe laboral desta doenza está demostrada cientificamente e non existe xustificación obxectiva para limitar o listado de patoloxías nin cinguir o dereito de acceso a aquelas persoas que xa dispoñen dun recoñecemento administrativo ou xudicial. "Parécenos inxusto que un fondo creado para facilitar o proceso de recoñecemento sexa tan restritivo e acabe obrigando as persoas afectadas a ter que seguir recorrendo aos xulgados". Lamentou tamén que esta relación "carece de perspectiva de xénero, obviando a posibilidade de existiren patoloxías exclusivas de mulleres".
O obxectivo, resarcir as vítimas
Os danos sufridos polas persoas expostas ao amianto están derivando nunha gran cantidade de litixios, referidos tanto a quen tivo unha relación co axente no ámbito laboral, como no familiar ou ambiental. Os danos nesta enermidade profesional, apuntou Tupi, non son inmediatos, senón que aparecen anos despois "e cando moitas das empresas nas que traballan as persoas afectadas xa desapareceron, dificultando aínda máis poder iniciar as reclamacións oportunas".
Por iso, o obxectivo da creación deste fondo debería ser resarcir as vítimas polos danos, facilitar o acceso a indemnizacións a aqueles traballadores e traballadoras que xa no teñen empresa á que reclamar e evitar que as e os afectados teñan que loitar en procesos xudiciais moi engorrosos e longos, que en moitas ocasións teñen que levar adiante as familias.
Descentralizar o procedemento
Debullando polo miúdo as propostas da CIG, informou que no relativo ao procedemento, a CIG aposta por promover unha estrutura descentralizada e especializada nesta materia, a creación de organismo de valoración propios en cada territorio e diferentes aos dos Equipos de Valoración de Incapacidades (EVI). Así mesmo, que sexan as Consellarías das comunidades autónomas as que deban emitir unha certificación, que as resolucións recaian en organismos de carácter provincial ou autonómico.
Tamén, que se manteña na xurisdición social a competencia para recoñecer sobre todo o relacionado co dereito a obter a compensación do fondo, "que ademais evita costas e a obriga de contar con procurador, e para evitar unha xurisdición allea a problemática en cuestión (contencioso-administrava)". Xunto a isto, a CIG defende que o recoñecemento á indemnización por parte do fondo implicará o recoñecemento automático da enfermidade profesional e no seu caso percibir a pensión correspondente por este concepto.
Crear comisións de seguimento a nivel autonómico
A CIG propón que, ademais da comisión estatal previsata no RD, se constitúan comisións a nivel autonómico, que se doten de competencias ou tarefas e que ademais poidan resolver as reclamacións previas á vía xudicial (seguindo o modelo doutros organismos como o FOGASA).
Tupi criticou que a comisión de seguimento que deseña o regulamento é máis restritiva do que a propia Lei de creación do fondo estabelece en canto á representación das centrais sindicais. Polo tanto, aseverou, "debe manterse como mínimo a da propia lei, non cabe restrinxilas".
Compensacións económicas "ridículas"
No relativo ás compensacións económicas, o secretario da CIG-Industria cualificounas de "ridículas" e "insuficientes", tendo en conta que se propoñen indemnizacións que oscilan entre os 27.359€ e os 68.399€ -aos que habería que descontar a tributación ao IRPF-, cando na vía xudicial se están a recoñecer contías que superan os 100.000 euros.
"Isto é discriminatorio para unhas vítimas que estiveron expostas a este axente tóxico, e existe unha responsabilidade ineludíbel do Estado por non prohibir a comercialización de todas as variedades do amianto. Pasaron décadas", afirmou. Por iso, xa avanzou que de non mudar o regulamento, "non se vai evitar a vía xudicial, e as persoas afectadas veranse obrigadas a iniciar esta vía para reclamar os seus dereitos".
Para a CIG tamén cómpre modificar a normativa tributaria para declara exentas estas indeminizacións, pois doutro xeito as vítimas poderían verse obrigadas a tributar entre o 45% e o 47% das cantidades percibidas.
Necesidade de dotar o fondo sen límites
Finalmente, Tupi reclamou que o fondo estea garantido para cubrir todas as resolucións e non teña unha dotación limitada a 25 millóns de euros, como se recolle no regulamento, por que isto podería supor que malia ter recoñecida unha indeminización, a persoa afectada non puidera cobrar.
Así mesmo, a central nacionalista pide modificar os prazos de prescripción, acoutados a cinco anos dende o transcurso da sentenza. "Nós propoñemos que ese prazo de cinco anos ten que ser dende o momento en que o fondo comece a funcionar efectivamente e as persoas teñan ocasión de presentar a solicitude".
Restricción de acceso ás persoas afectadas
No apartado das restriccións para percibir as compensacións, Paula González destacou que se limita a aquelas persoas que xa dispoñen dun recoñecemento administrativo ou xudicial dunha pensión polas patoloxías recollidas, ou dunha indemnización polas mesmas patoloxías que non puidera ser executada.
"A única porta de acceso ao fondo para todas as demais persoas que carecen deste recoñecemento administrativo ou xudicial, son aos casos de mesotelioma ou asbestose con repercusión moderada ou severa", explicou. "Isto fai restritivo o acceso porque desaparece o cancro de pulmón etc., e polo tanto este apartado ten que ser ampliado".
Obrígase ademais a que a persoa estea inscrita previamente no RETEA (rexistro de persoas traballadoras expostas ao amianto), o que deixaría fóra as compañías auxiliares do naval, da mariña mercante, persoal funcionario, autónomo etc. Indicou que debe poder acreditarse a orixe da doenza doutros xeitos, "cando menos por aqueles que están a ser aceptados nos procesos xudiciais, actividades recollidas no cadro de enfermidades profesionais, testemuñas, etc.".