O Banco Santander executa despidos disciplinarios inxustificados para amedrentar o persoal
A federación de Banca da CIG denuncia que o Banco Santander está a botar man de despedimentos disciplinarios para amedrentar o cadro de persoal, como no caso recente dunha traballadora de Pontevedra que foi sancionada cunha rescisión de contrato por supostamente ter simulado unha baixa. Agora o Xulgado do Social número 1 vén de darlle a razón e declarou improcedente o despido.
A afectada, xestora de empresas dunha oficina do Banco Santander en Pontevedra, foi sancionada cun despedimento disciplinario baseándose nunha suposta falta moi grave por “simular enfermidade ou accidente e realización de actividades incompatibles coa situación de baixa por enfermidade ou accidente”.
A decisión foi recorrida pola traballadora, que viña de estar en situación de incapacidade temporal e foi alta o 29 de marzo deste ano. Tras a alta o banco remitiulle por burofax o 4 de abril a carta de despido do 30 de marzo.
Segundo explican dende a CIG-Banca, no xuízo quedou probado que a pesar de que o banco contratou un detective privado para recoller probas da comisión da falta imputada á traballadora “...non se pode concluír que as características da actividade realizada pola demandante puidesen perturbar a súa curación”.
Tamén se evidenciou que a traballadora pagou do seu peto un facultativo privado e sesións de rehabilitación para acelerar a súa recuperación, feito que impide que “...poida concluírse unha simulación de enfermidade, nin tan sequera unha vontade da demandante de prolongar a baixa impedindo ou demorando a súa reincorporación ao traballo”.
Indemnización para a afectada
A maiores, o Xulgado do Social número 1 de Pontevedra condenou ao banco a indemnizar a traballadora con 7501 euros por danos morais pola vulneración dun dereito fundamental, vinculado ao seu dereito á intimidade e á protección de datos, xa que “...o banco efectuou un acceso a datos da conta bancaria da traballadora da que é cotitular sen autorización nin información previa á traballadora para fins distintos dos que poderían derivarse dunha lexítima finalidade, ligada ao contrato mercantil sobre conta corrente bancaria existente entre as partes”.
Ao mesmo tempo, a sección sindical da CIG denuncia que o pasado mes de marzo varias/os traballadoras/es do banco en Galiza (e tamén no resto do Estado) foron vítimas destas prácticas por parte da empresa. Existen probas tamén de que é habitual que en determinados casos a dirección incite as persoas traballadoras a facer xestións para a súa clientela mesmo estando en procesos de IT, como aconteceu neste caso, quedando acreditado na sentenza que “...durante a situación da baixa de incapacidade temporal a demandante mantivo contactos con algunhas empresas clientes, atendéndoas por teléfono, ou WhatsApp”.
A traballadora foi acompañada durante todo o proceso pola CIG, que continuará ao seu carón na súa loita pola reincorporación ao seu posto de traballo.