A CIG denuncia que Monbus deixa sen subrogar persoal do transporte escolar en Ribeira e A Pobra

A nova adxudicataria non incorporou unha decena -que poderían ser máis- de acompañantes e condutores procedentes do Grupo de Empresas Ferrín, que tiñan que estar de alta desde o 9 de setembro
Ribeira - 15 Set 2026

A CIG denuncia que Monbus, nova adxudicataria do transporte escolar na zona da Barbanza, incumpre a obriga de subrogar todo o persoal que viña prestando desde sempre o servizo nas liñas escolares de Ribeira e A Pobra. Trátase de persoal fixo-descontinuo que tiña que ser chamado a incorporarse ao seu traballo co inicio do curso escolar, o día 9 de setembro. Porén, a malia os repetidos intentos das persoas afectadas por aclarar a situación, a empresa limítase a dar escusas e deixa pasar o tempo sen resolver o problema. A central sindical ten constancia dunhas 10 persoas entre acompañantes e condutores, todas procedentes do Grupo de Empresas Ferrín, aínda que é posible que haxa máis.

A CIG denunciou hoxe esta situación en rolda de prensa, coa presenza do persoal afectado, e sinalou que “desde o día 9 tiñan que estar de alta na Seguridade Social da empresa Monbus, e aínda a data de hoxe iso non ocorreu”.

O secretario da U.L. As Rías, Fran Rei, afirmou que “a CIG non vai permanecer cos brazos caídos e xa se están dando pasos para pedir responsabilidades e facer cumprir a subrogación”. Neste sentido, sinalou que “a Xunta de Galiza non debe permitir esta situación e debe obrigar a Monbus a respectar os dereitos dos seus empregados e empregadas, e máis cando se trata dun servizo público, pagado con cartos de todos e todas”. “Non descartamos mobilizacións se non somos atendidos”, advertiu.

Pola súa banda, Francisco Domínguez, traballador afectado, explicou que leva “máis de 30 anos neste servizo, igual que moitos compañeiros e compañeiras”, e que sempre foron chamados co inicio do curso. Por iso, “non se entende que Monbus queira desfacerse de nós”.

Domínguez denunciou tamén que “estanse dando episodios caóticos na implementación do servizo: paradas que non se fan, chegadas tarde aos colexios e ás paradas...”. Así mesmo, apuntou que “temos a sospeita de que o persoal novo que Monbus meteu nos nosos postos, algún polo menos, non teña homologación do seu carné para poder conducir autobuses deste tipo”.

A isto engadiu que teñen constancia de que “nin sequera lles requiriron o certificado de non ter cometido delitos sexuais, obrigatorio para o transporte escolar”.

Tamén interveu a monitora Melina Santamaria, que si foi subrogada e comezou a traballar o día 9 de setembro, pero foi dada de alta con data do 11 de setembro. Segundo explicou, hoxe, ás dúas da tarde, aínda non coñecía a ruta que lle corresponde nin tiña o listado do alumnado que colle o transporte.

A CIG ten solicitadas reunións cos Concellos de Ribeira e A Pobra para tratar a situación que se está dando co transporte escolar. Así mesmo, a central sindical ten coñecemento de que a Xunta sabe dos problemas, xa que as ANPAs e as direccións dos centros afectados foron comunicando estas irregularidades desde o primeiro día.