A CIG denuncia que “Inditex explota as traballadoras das tendas Lefties da provincia da Coruña”

Convoca unha concentración para o xoves 27 de setembro, ás 12:00 h na entrada das Cancelas, en Compostela
Nacional - 19 Set 2018

A CIG leva varios anos demandando que Inditex incremente o persoal indefinido nas tendas Lefties, porque o que hai actualmente é insuficiente. Tal é así que nos sucesivos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras, os resultados constatan que cada vez a situación é peor. Este exceso de carga de traballo tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal. Porén, lonxe de incrementar o número de traballadoras, a empresa implantou xa en Zara e Lefties de Marineda 14 caixas de autocobro nun intento de suplilas por máquinas.

Carmiña Naveiro, representante da CIG no comité de empresa de Zara España S.A. lembra que, a instancias da central sindical, a finais do ano pasado se repetiron nas tendas Lefties da provincia da Coruña as enquisas para detectar os riscos psicosociais nas tendas. “O último estudo descubriu que a situación non só seguía igual, senón que mesmo o risco era moito máis elevado”, explica.

Sinala que a dirección da empresa é coñecedora disto dadas as reiteradas denuncias da CIG e que mesmo se presentaron denuncias tamén diante da propia Inspección de Traballo. “A dirección da empresa malia saber en que condicións desenvolve o seu traballo o persoal négase a adoptar as medidas necesarias para eliminar estes riscos aínda que está obrigada a facelo”, asegura.

A representante da CIG denuncia que “toda esta situación vén derivada dunha mala organización da propia dirección da empresa que prefire que as traballadoras vaian pedir milagres a Lourdes que darlle unha solución”. A isto engade que “a CIG non entende como unha grande empresa como Inditex non inviste un peso na seguridade e saúde das traballadoras e permite esta situación nas tendas Lefties”.

Caixas de autocobro

Nas tendas de Zara e Lefties do Centro Comercial Marineda, Inditex decidiu implantar 14 caixas de autocobro “onde a multinacional utiliza ás clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose e autoembolsándose e mesmo desalarmando as prendas co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal”.

A este respecto, Carmiña Naveiro, lembra que desde a CIG xa se solicitou da dirección de Zara España S.A, en distintas ocasións, a súa retirada e que proceda á contratación do persoal necesario freando así o deterioro das condicións laborais. “É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar ás traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade do persoal”.

Por iso o persoal pide á clientela que faga o seu pagamento nas caixas de sempre, onde atenden caixeiras e que “pense primeiro nos postos de traballo que se perden aumentando os millóns de beneficios de Inditex a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro”.

Mobilizacións

Dada a  grave situación que están a sufrir as traballadoras nas tendas, a CIG inicia mobilizacións, logo de ter desenvolvido nos meses previos ao verán unha campaña informativa e de sensibilización. A primeira terá lugar o vindeiro xoves, día 27 de setembro, ás 12:00 horas na entrada principal do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela.