A CIG denuncia que o Estado español incumpre a Carta Social Europea en materia de saúde e protección social
A CIG vén de remitir as súas alegacións ao 33º informe que o Estado español enviou ao Comité Europeo de Dereitos Sociais a respecto do cumprimento da Carta Social Europea e ao grao de incorporacións das recomendacións feitas polo organismo. Para o período 2016-2019 toca avaliar o Grupo 2 de dereitos, relativos á saúde e seguridade nas condicións de traballo, o sistema de Seguridade Social e á protección social.
» Consulta aquí o documento de alegacións da CIG
A CIG aprecia importantes incumprimentos e unha grave falta de vontade correctora destas eivas por parte do Goberno español, tendo en conta que en informes anteriores o Comité xa declarara que a situación do Estado non é conforme a moitos dos artigos e que hai uns meses se ratificou a versión máis recente da CSE, o que implica o recoñecemento de novas obrigas.
Hai que ter en conta que os informes que emite o Comité son vinculantes para os estados membros, xa que a Carta Social Europea, como tratado internacional, fai parte do dereito e está incorporado ao ordenamento xurídico español, tendo rango superior á Constitución. Polo tanto, os informes que emite o Comité son alegábeis ante os tribunais españois.
Incremento dos accidentes mortais
A central sindical denuncia que a situación do Estado español non está en conformidade co artigo 3 da CSE sobre o dereito á saúde e á seguridade no traballo, un punto sobre o que o Comité xa advertira do baixo nivel de cumprimento, mais o Goberno continúa sen desenvolver as medidas necesarias para reducir a sinistralidade laboral.
Non houbo grandes avances nesta materia, e aínda que o número total de accidentes baixou, incrementáronse os sucesos de carácter grave ou mortal. De tal maneira que en 2020 (malia a caída brutal da actividade) rexistráronse 788 accidentes mortais, o que supón 13 máis que en 2019. Resultan de relevancia tamén os accidentes in itinere que, no Estado español, teñen unha concepción máis restrinxida que noutros estados.
A CIG considera que este aumento da mortalidade ten a ver coa falta de valoración dos riscos psicosociais, pois a día de hoxe o maior risco para a saúde no traballo é o estrés e a principal causa de morte son os ataques ao corazón e as patoloxías asociada ao estrés laboral.
Porén, non se está actuando sobre este grave problema e resulta alarmante a falta de control sobre as empresas, principalmente debido á falta de medios materiais e humanos da Inspección de Traballo, que derivan en incumprimentos nas tarefas supervisoras e na loita contra a fraude, máis aínda cando parte do labor inspector e organizativo está externalizado nunha consultoría privada.
A precariedade coa que ten que actuar a Inspección reflíctese perfectamente se temos en conta que o número de efectivos entre 2009 e 2019 practicamente non variou, pero neste tempo no conxunto do Estado pasaron de asinarse 14 millóns de contratos en 2010 a asinarse máis de 22 millóns de contratos durante o pasado ano; cifras que dan boa conta tamén de que a temporalidade e a elevada rotación xa son estruturais no mercado de traballo.
Prestacións por desemprego e subsidios "de pobreza"
En canto ao artigo 12.1 da CSE sobre o sistema de seguridade social, a CIG pon o acento no feito de que a situación do Estado español continúa a ser de non conformidade, xa que a cidadanía non ten garantido o acceso a uns ingresos que lle permitan ter unha vida en condicións dignas. As prestacións por desemprego para as persoas sen cargas familiares son insuficientes; e as prestacións contributivas por desemprego, determinadas incapacidades permanentes, pensións de orfandade, viuvez ou os subsidios están por debaixo do que Eurostar considera límite de pobreza, ao supor contías mensuais inferiores aos 510€/mes.
Xunto a isto, cómpre subliñar que se perpetúa a xigantesca fenda de xénero, algo que ten a ver coa penalización que o sistema contributivo fai dos traballos a tempo parcial (contrario ao principio de igualdade e non discriminación), que de xeito maioritario afectan ás mulleres. Esta parcialidade (na meirande parte involuntaria) leva a que as mulleres sigan tendo as pensións máis baixas (especialmente cativas son as contías que perciben as galegas) e que se manteñan as desigualdades de xénero.
Ademais, o Estado español non cumpre o artigo 12.4 , ao non garantir os dereitos de acceso ás prestacións básicas a cidadáns/ás doutros países membros e establécese un período moi longo (10 anos de residencia) para poder acceder a unha pensión non contributiva.
No relativo ás prestacións asistenciais, o Estado español continúa sen axustarse ao recollido na CSE e malia que o Goberno aduce a implantación do Ingreso Mínimo Vital como medida para subsanar esta eiva, o certo é que segue sen cumprir con moitos aspectos da Carta Social como persistir nos límites de idade para o acceso a esta axuda, esixir residencia legal, ou establecer unhas sancións excesivas no caso de que a persoa solicitante incorra nalgún erro na tramitación administrativa. Iso sen mencionar que a percepción do IMV exclúe poder acceder a outras axudas autonómicas, aínda cando a contía económica que se percibe non garante condicións dignas.
Impacto da pandemia nos dereitos
Nesta ocasión, e debido á situación extraordinaria de pandemia mundial, o Comité introduciu unha serie de cuestións a responder polos estados a respecto do impacto da covid-19 sobre este grupo de dereitos. En todos os temas (teletraballo, dereito á desconexión dixital, dereitos para o persoal falso autónomo, control electrónico das/os empregadas/os etc.), a CIG advirte que as medidas adoptadas son totalmente escasas para garantir os dereitos laborais e sindicais e que a lexislación aprobada resulta insuficiente para fixar unhas condicións dignas, ao fiar á negociación colectiva boa parte das cuestións a regular.