A CIG denuncia que, de non mudarse, a Lei de Beneficios facilitará a “depredación” dos nosos recursos naturais
A CIG reclamou esta mañá, en rolda de prensa, a retirada do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza. Para o secretario xeral, Paulo Carril, lonxe de promover beneficios sociais para o pobo “converte o público nun facilitador para que desde o ámbito privado se entre a saco nos recursos naturais do noso país”. A central sindical subliña que no propio CES a comisión redactora do ditame xa aprobou un texto moi crítico, que vai na liña da valoración da CIG.
Carril subliñou que o propio anteproxecto constata a necesidade de que os recursos naturais de Galiza revertan no beneficio social e económico do pobo galego. Mais lamentou que nos seus contidos “non se plasman as reivindicacións sociais que desde hai anos se están realizando”.
Fronte a isto, e facendo un percorrido polas propostas presentadas pola central sindical apuntou que, como a enerxía e os recursos naturais son ben de titularidade pública galega, “deben estar baixo o control público para garantir que a súa produción e xestión sexa xusta social e territorialmente”, apostando por un modelo enerxético “sustentábel” e un aproveitamento dos recursos naturais “que non poña en perigo aqueles sectores de actividade que proporcionan alimentos básicos á poboación, nomeadamente o sector agrario e pesqueiro”.
Empresa pública galega de enerxía
Para iso defendeu a creación dunha Empresa Pública Galega de Enerxía que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión está vencida ou caducada e as que vaian vencendo ou caducando e controle as participacións accionariais que ten ou vai ter a Xunta noutras empresas enerxéticas.
Propuxo, ademais, a participación da administración e das entidades do seu sector público directamente, ou a través de empresas mixtas, e a posta en marcha dun plan de desenvolvemento industrial que promova o peche dos ciclos produtivos en Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía.
Reclamou, canda isto, que Parlamento e Goberno galego declaren o vento e o sol como recursos naturais e, na súa consideración de fontes de enerxía renovábeis no seu territorio, “como dominio público galego, coa fin de condicionar a través dunha concesión a explotación do vento”. Deste xeito, explicou, “a concesión administrativa sería o mecanismo normativo para preservar o interese público sobre un recurso de dominio público galego”.
Concreción de beneficios sociais vinculados á autorización de aproveitamento
Do mesmo xeito, demandou que se vinculen as concesións ou autorizacións para o aproveitamento dos nosos recursos “obrigatoriamente” a proxectos de desenvolvemento económico ou plans industriais asociados para a súa implantación nos territorios afectados. Polo tanto, “relacionados coa produción ou extracción, segunda transformación e peche do ciclo produtivo para a súa comercialización”, xunto con compromisos adicionais de participación pública no capital social do proxecto.
Considerou ademais, que no caso de ser de aproveitamento enerxético, habería que garantir unha bonificación directa na factura eléctrica/térmica do 10% para as persoas consumidoras domésticas e dun 30% para as actividades económicas con domicilio (censadas) nos concellos afectados pola instalacións.
Canda isto defendeu que as empresas teñan que ter sede social e fiscal en Galiza; que os proxectos vaian inescusabelmente unidos ao desenvolvemento das actividades con garantías de viabilidade e mantemento de emprego, “non se podendo desvincular nin segregar en ningún caso”, como a cláusula Ferroatlántica; que, se reciben fondos públicos e no prazo de 5 anos reducen o emprego e produción nun 15%, sen as causas obxectivas das reguladas por lei, “devolverán o 50% dos fondos recibidos e o 100% dos importes tributarios dos que estiveron exentos” e que debe incrementarse até 10 anos o período durante o que as empresas que reciban fondos públicos teñen que manter as condicións e o emprego.
Canto as valoracións do impacto social, económico e ambiental que se realicen nos procedementos de autorización e concesión, incidiu na necesidade de que se respecten as numerosas directivas europeas aprobadas, das que deu conta.
Enerxía eólica
Sobre a base destas cuestións, no referido a proxectos de produción de enerxías renovábeis e as súas infraestruturas, nomeadamente no que respecta a parques eólicos para PPA, reclamou que, ademais de cumprir os obxectivos anteriores teñan facilidades sempre e cando durante a súa vixencia se manteña o emprego e produción nun mínimo do 85%. Matizou, porén, que se durante os 10 anos de vixencia da PPA pecha o centro de traballo, ou se reduce o emprego e a actividade a menos dun 20%, “isto levará consigo a extinción e revogación da concesión ou autorización do proxecto e o seu retorno á Empresa Pública.
E exixiu que na lei se recolla que a distancia mínima sexa de 1.500 metros entre muíños eólicos e/ou vías de evacuación e os núcleos de poboación, ademais de que se primen as traídas de augas veciñais sobre calquera outro proxecto.
Xunto con estas cuestións a CIG propón que a Xunta desenvolva integramente a Lei de ordenación da minaría de Galiza, con base en criterios de estabilidade e sustentabilidade, cumprimento dos requisitos ambientais e peche dos ciclos produtivos; que se aposte polo uso do granito, pedra e lousa galega e que se estableza un canon ás infraestruturas asociadas e liñas de evacuación de instalacións de produción de enerxía, xa que na actualidade o 80% do territorio galego xa está afectado.
Respecto da eólica mariña, e tal e como se contempla tamén no ditame aprobado pola comisión do CES, reclamou dos poderes públicos galegos “as actuacións necesarias de cooperación co Estado que permitan declarar a Galiza libre de eólica mariña e a retirada polo Goberno español dos POEM porque a preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños están en perigo”.
No referido ao territorio afectado polos incendios forestais, demandou que se poña en marcha un plan estratéxico que garanta unha produción forestal sustentábel; que poña en valor as especies autóctonas; que prohiba por 10 anos as plantacións de especies invasoras; que se eliminen as plantacións ilegais en terras agrarias e bosques autóctonos e se reduza progresivamente a superficie ocupada por eucaliptos e outras especies exóticas, establecendo unha reserva ecolóxica do 50% de especies frondosas e autóctonas nas actividades e plantacións forestais propostas.
O secretario xeral da CIG concluíu facendo referencia ao Fondo Público que se comenta, “que pode ter financiamento privado pero que, desde a CIG, consideramos que, en ningún caso dará dereitos na xestión dos fondos e/ou das actuacións a executar”.
Aproveitan a Lei de Acompañamento para declarala "de interese público superior"
Na rolda de prensa a secretaria de Organización, Susana Méndez, lembrou que na propia proposta de ditame aprobada pola comisión do CES tamén se recolle unha consideración crítica ao feito de que a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos se vaia aprobar unha nova disposición que regula cuestións que afectan a este Anteproxecto de Lei de Beneficios Sociais e Económicos, como é a declaración de interese público superior.
“Este feito de emendar unha lei cando inda está en trámite, aprobando outra pola porta de atrás, dá boa conta do enorme interese que ten o PP que goberna a Xunta, con Alfonso Rueda á cabeza, en lexislar para poñer os nosos recursos a disposición das empresas privadas, para que entren á rapañota a espolialos, en lugar de buscar realmente o interese xeral e que a explotación dos recursos repercutan positivamente na propia sociedade galega”, afirmou.
Nese sentido apuntou que, se realmente se pretende lexislar no ámbito galego, debería facerse de xeito que o título da lei correspondera cos contidos que se presentan, e polo tanto, neste caso, “porque se garantira que hai unha promoción de beneficios sociais e económicos para o pobo galego, sobre a base de que a riqueza e os recursos naturais do noso país deben reverter sobre o propio pobo”, concluíu.