A CIG denuncia que COEXAM incumpre os acordos nas ambulancias do 061 do Barbanza
Traballadores e traballadoras das ambulancias do servizo urxente do 061, do lote do Barbanza, concentráronse esta mañá ás portas do Hospital Clínico de Santiago para denunciar os incumprimentos por parte de Coexam, SL (Colectivo Extremeño de Ambulancias), que leva algo máis dun ano ao frente deste servizo.
Cando se produciu a subrogación, en decembro de 2019, a empresa asumiu unha serie de acordos e condicións coa representación do persoal que progresivamente foron incumprindo até deixar sen efecto algún deles, como é unha bolsa de emprego onde se incluíran aos traballadores e traballadoras con contrato temporal en vigor na anterior contrata.
Denuncian que a varias persoas desa lista “non se lle están ofrecendo contratos ou ben se lles ofrecen os de menor duración e a varios xa lles dixeron que non os volverían chamar, en ocasións mentindo e deixando en mal lugar a profesionalidade deste persoal, algo co que non se pode xogar porque disto depende o futuro de familias” indica Jesús Rey, delegado de persoal da CIG, que conta con toda a representación sindical nesta empresa.
Rey denuncia que “non é de recibo que cando a esta empresa lle sacamos as castañas do lume porque nos deixou tirados, no peor momento da pandemia, pola falla de material de protección e EPIs agora nos pague desta maneira.”
Explica que “nos meses de marzo e abril do ano pasado os traballadores víronse na tesitura de decidir entre contaxiarse ou deixar sen servizo a toda a zona”, e subliña que “nós tamén temos familia e moitos somos de risco”. Lembra que finalmente decidiron buscar eles mesmos ese material e solicitarllo ás confrarías, Protección Civil, perruquerías, particulares e que “durante meses esa foi a realidade ante a falla de resposta da empresa e do 061 e tapouse a neglixencia da empresa manténdose activo un servizo básico como o noso.”
Deficiente limpeza dos centros de traballo
Ademais da bolsa de emprego, as queixas inclúen tamén a deficiente limpeza dos centros de traballo distribuídos en toda a área sanitaria -en concreto hai bases en Ribeira, Boiro, Rianxo, Padrón, Muros, Noia, Mazaricos, Negreira e Santa Comba- e denuncia que unha única persoa é a única encargada de realizar a limpeza de todas as bases co que é compeltamente deficiente e normalmente só unha vez á semana.
A pesar das solicitudes reiteradas, esta empresa non entrega uniformes á xente que contrata para cubrir baixas e vacacións polo que, ademais de telos que conseguir pola súa conta, teñen que lavalos nas súas casas co conseguinte risco que supón “e máis na situación actual de pandemia polo Covid-19”, denuncian.
Inácio Pavón, da FGAMT-CIG apunta ademais que “a situación xa non era boa pero o incumprimento sistemático e unilateral das condicións da bolsa de emprego foi a situación que levou aos traballadores a reaccionar e a iniciar mobilizacións e denunciar á Inspección de Traballo” para exixir o cumprimento das condicións de convenio e máis as pactadas ao inicio da contrata.
Neste conflito participan tamén o resto de traballadores e traballadoras da área sanitaria porque como subliña Pavón “entenden que custou moito conseguir un respeito e que se cumprira o convenio colectivo para que veñan empresas en cada concurso que pretendar rirse de nós outra vez”. Así anuncia que esta só foi a primeira de máis medidas de presión que se sucederán nas próximas semanas.