A CIG denuncia que Citroën segue a vulnerar o dereito de conciliación laboral
A sección sindical da CIG en Citroën denuncia que a empresa segue a vulnerar o dereito de conciliación da vida laboral e familiar, xa que o mes pasado volveu a denegarlle a dúas traballadoras a concreción horaria da redución de xornada.
Dende a central lembran que se trata dun dereito recollido na normativa vixente, que establece a posibilidade de concretar o horario da redución de xornada atendendo ás necesidades ordinarias de conciliación.
No escrito de resposta á solicitude das operarias afectadas, a dirección sostén que “es imposible gestionar horarios a la carta como el que usted plantea […] porque el tiempo que usted no preste servicios tendría que ser cubierto por otro/a compañero/a de planta, seguramente de forma obligatoria”.
Ademais, Citroën argumenta a súa negativa asegurando que “esta nueva petición implicaría alterar el régimen de turnos rotatorias establecido en la empresa” e que isto “perjudicaría seriamente la organización productiva en vigor”. Finalmente, indica que a traballadora “debería haber justificado la proporcionalidad de los perjuicios que la misma podía plantear, tanto a esta mercantil, como a los otros compañeros/as”.
Para a CIG-Citroën, os intereses da dirección non poden antepoñerse ao dereito que ten un traballador/a a conciliar a vida laboral e familiar. “Cando alguén solicita unha alteración na distribución do tempo de traballo, mudando horarios, tense que valorar a solicitude estudando todas as posibilidades para afrontar a reorganización do traballo”. Neste senso, pregúntanse se esta práctica só a pode utilizar a dirección da empresa cando necesita cumprir cos seus obxectivos industriais.