A CIG denuncia que as insuficientes medidas aprobadas polo Goberno español empobrecerán a clase traballadora galega
A CIG critica que o novo decreto aprobado onte polo Goberno español “volve ser unha fraude”, polas diferenzas que hai entre o que se di nas roldas de prensa posteriores aos consellos de ministros e ministras e o que logo se publica no BOE. Así o afirma o secretario xeral, Paulo Carril, quen denuncia que “nin se para toda a actividade, nin se traslada ao papel que está prohibido despedir”.
Nese sentido aclara que “non é unha realidade porque coa introdución da non retroactividade das medidas déixase completamente desprotexido o persoal temporal e de ETTs, que foi despedido sen piedade nas últimas semanas. Tampouco se dá solución para quen solicitou sen resposta a adaptación ou redución da xornada laboral, para as empregadas do fogar, nin hai certezas nas contías e datas de cobro do desemprego “.
O persoal con contratos temporais, o máis prexudicado
O secretario xeral da CIG denuncia a cativa protección do emprego e a desprotección total do persoal con contratos temporais. Aínda que o RD dispón que non se poderá alegar ningunha causa económica, técnica, organizativa ou de produción, nin forza maior que xustifique os despedimentos por causa da Covid-19 , moitas das empresas xa despediron, e polo tanto, non incluíron ou non van incluír nos ERTEs a este colectivo, optando por despedir anticipadamente o que provocará máis destrución de emprego.
Ademais denuncia que, en todo caso, isto ten vixencia sempre desde a data de entrada en vigor deste RDL, ao non se contemplar a retroactividade destas medidas.
As medidas extraordinarias sobre o procedemento dos ERTEs
Xunto a isto, o secretario xeral da CIG asegura que a “axilización” do procedemento para revisar as causas do ERTE por parte da Autoridade Laboral vai dar lugar a un recoñecemento masivo e “por defecto” que propiciará moitos abusos empresariais.
Aínda que se abre a porta á revisión deses abusos e se establecen sancións para aquelas solicitudes que se consideren fraudulentas “a propia medida confirma que o sistema de ERTEs xeneralizados é un convite á fraude empresarial”, denuncia Carril, quen asegura que a eficacia das revisións a posteriori é dubidosa e controvertida do punto de vista da seguridade xurídica.
“Todo o caos e inxustiza actual confirma o erro desta solución, a dos ERTEs no canto de ir na dirección proposta pola CIG mediante o permiso por deber inescusábel, evitando así a inxustiza de facer ERTES masivos e as consecuencias críticas e mesmo devastadoras que vai ter para a economía esta situación”. ERTES que a día de onte chegaban xa, en Galiza, aos 23.651, atinxindo a 125.000 traballadores e traballadoras.
Neste sentido, compre recordar que desta situación criada son tamén responsábeis CCOO e UGT que, xunto coa patronal, asinaron un acordo o pasado 12 de marzo "que sentou as bases deste camiño que hoxe se demostra fatal".
Ausencia de medidas para a protección da saúde do persoal
Neste Real Decreto seguen sen atribuírselle á Inspección de Traballo toda as competencias para actuar ante a indefensión do persoal que está a traballa sen medidas de seguridade, etc., manténdolle incomprensibelmente estas competencias as autoridades sanitarias que nin as executan nin teñen vontade de facelo.
Nos últimos días, subliñou, estanse sucedendo casos de contaxios de persoas na limpeza hospitalaria, nas residencias de maiores ou no comercio de alimentación sen que se adopten medidas polas empresas para protexer o persoal que conviviu no mesmo centro de traballo, e sen que actúen as Administracións.
Medidas complementarias insuficientes
O Real Decreto confirma o mantemento da actividade de centros sanitarios e de atención a persoas maiores. Unha medida que chega tarde, segundo Carril, porque “é unha resposta aos ERTEs que estaban a presentar centros privados, que en diante non serán posíbeis tras declarárense estes centros como servizos esenciais”. Porén non entende que na definición de servizos esenciais, “se limite aos sanitarios ou asistenciais e non se inclúan outros como a produción e distribución de material sanitario, limpeza ou alimentación”.
Demanda de políticas públicas
Por iso Carril cuestiona no seu conxunto as novas medidas, que seguen sen corrixir no esencial as primeiras aprobadas polo goberno español, nin avanzan cun plan de choque social á situación á que se enfrontan centos de miles de traballadores e traballadoras.
O secretario xeral da CIG advirte do grave risco de que o confinamento “acabe provocando un aínda maior empobrecemento da clase traballadora, por mor da significativa redución de ingresos que van sufrir”. Máis nun contexto no que, xa antes da crise sanitaria, a CIG viña denunciando a extensión da pobreza laboral e defende que, neste contexto, “son imprescindibles as políticas públicas para facer fronte ao “caos” derivado das “insuficientes e inxustas” medidas económicas.
Ademais insta ao Goberno a aprobar de urxencia, e dunha vez, un paquete de medidas que axude ao pago dos alugueiros e que obrigue ás entidades financeiras e ás empresas eléctricas a condonar o pago desta mensualidade (hipotecas, recibos de auga, luz, gas, etc.), e durante o tempo que dure o estado de alarma.