A CIG denuncia que a Xunta adianta o pago de parte das extras de 2012 e 2013 para beneficiar electoralmente o PP
Segundo explican dende a CIG, o pago das extras realizarase durante o mes de agosto e a forma escollida será similar ás devolucións efectuadas coa paga de 2012, “debendo os interesados/as que no estean en nómina neste momento facer a reclamación correspondente”.
Para a central, este anuncio e o cambio de calendario na devolución de parte das pagas extraordinarias “roubadas” aos traballadores/as públicos está feito con fins electoralistas. “O señor Feijóo xa ten data para as eleccións autonómicas, e tal e como vén facendo antes de cada proceso electoral o mes anterior á votación dá orde de pago dalgunha cantidade das que adebeda das nóminas do seu persoal”, critican.
Diante disto, dende a CIG-Área Pública denuncian unha vez máis o uso “electoralista” que o Goberno do PP segue a facer coas devolucións das pagas extras. Así mesmo, lembran que esta devolución responde á multitude de sentenzas gañadas pola central sindical e ratificadas mesmo polo TSXG, “que declarou ilegal o recorte levado a cabo con carácter retroactivo”. Finalmente, sinalan que a Xunta continúa a adebedarlle ao seu persoal parte das pagas extras dos anos 2013, 2014, 2015 e 2016.