A CIG acusa a xudicatura de “torpedear” a modernización da Xustiza

Preténdese instaurar a figura dun funcionario/a como asistente persoal dos maxistrados/as, “algo que non é propio dunha Administración do século XXI”
Nacional - 19 Dec 2025

Ante a entrada en funcionamento dos Tribunais de Instancia nas sete grandes ciudades galegas o vindeiro día 31 de decembro, a CIG denuncia que se está intentando por parte do Poder Xudicial que persistan no novo modelo organizativo prácticas que non son propias dunha Administración do século XXI. Fronte a unha Xustiza dixitalizada e organizada en servizos comúns, preténdese que haxa un funcionario/a para o servizo de cada maxistrado/a co obxecto, entre outros, de seguir tramitando os procedementos en papel e de elaborar as sentenzas fóra do sistema de xestión procesual (mesmo a man, para que alguén posteriormente as transcriba, como aínda está a pasar na actualidade). Preténdese instaurar a figura dun funcionario/a como asistente persoal, algo que non é propio dunha Administración moderna.

O director xeral de Xustiza xa manifestou no seu momento o seu rexeitamento a esta medida dicindo que “el non vai pagar a funcionarios/as para eses labores”, pero por parte das Presidencias dos Tribunais de Instancia estase a exixir que se adique persoal para esas tarefas, o que implica que os grupos ou equipos dispoñan de menos capacidade para a tramitación dos procedementos. 

A central reclama o establecemento de vías de negociación cos sindicatos para evitar conflitos a partir do 31 de decembro

Todo isto tamén se produce porque se furtou a negociación sindical coa representación das persoas traballadoras en todo o proceso de elaboración dos protocolos de actuación e os manuais de organización da nova oficina xudicial por parte das Secretarías de Coordinación, que nalgún caso nin contestaron as peticións de reunión por parte da central sindical. Estes documentos, que modifican substancialmente as condicións de traballo do persoal de Xustiza, nin teñen en conta as funcións propias de cada corpo establecidas pola Lei Orgánica do Poder Xudicial nin respectan, en moitos casos, os dereitos consolidados por este persoal.

A CIG oponse a este tipo de prácticas que pretenden perpetuar un sistema feudal e solicita que a Lei de Eficiencia Organizativa supoña realmente un instrumento para mellorar a eficacia e axilidade da Administración de Xustiza en beneficio da cidadanía e se establezan vías de negociación coas centrais sindicais para evitar conflitos a partir do 31 de decembro.