A CIG denuncia que a suba do SMI anunciada non cumpre coa Carta Social Europea
O incremento do SMI acordado este venres entre o Goberno español e os sindicatos UGT e CCOO non cumpre coa Carta Social Europea, que estabelece que o Salario Mínimo Interprofesional debe ser o 60% do salario medio. Isto supón que no Estado español o salario mínimo para este ano 2024 tería que situarse nos 1.253€/mes en 14 pagas, unha contía aínda moi afastada dos 1.134€/mes anunciados neste día.
A CIG lamenta que o Goberno español, co aval de UGT e CCOO, siga sen cumprir coa CSE e apunta que o método de cálculo a empregar ten que ser o utilizado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais, que obtén os datos do Eurostat.
Os cálculos feitos polo CEDS apenas difiren dos realizados pola central nacionalista, que toma como referencia os módulos salariais que publica a Axencia Tributaria, xa que permiten coñecer de forma máis fidedigna e obxectiva os ingresos reais das traballadoras e dos traballadores. Con estes datos, a CIG calcula que o 60% do salario medio está nos 1.253 euros.
O secretario xeral, Paulo Carril, lembra que a CIG vén reclamando desde hai anos que se aplique este criterio e por esta razón o pasado mes de outubro presentou unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais, “porque no Estado español estase incumprindo a Carta Social Europea ao non ser suficiente a contía que se está fixando de salario mínimo”.
Ademais, Carril denuncia a actitude do Ministerio de Traballo que continúa denegando os dereitos de participación institucional da CIG, pois na súa condición de sindicato máis representativo tamén debería ser chamado á participar nas consultas para determinar o incremento do SMI. Algo que, unha vez máis, non aconteceu.