A CIG denuncia que a maior parte dos bancos restrinxirán os servizos á clientela
A federación de Banca da CIG denuncia que a maior parte das entidades financeiras restrinxirán os servizos de caixa a partir das 11:00 horas, tal e como comunicaron a comezos de ano, antes da situación xerada pola pandemia do novo coronavirus. Dende a central consideran que esta restrición de servizo á clientela debería ser investigada “por se atenta contra os dereitos das persoas consumidoras”.
Dende a CIG-Banca explican que durante o estado de alarma, e incluso durante o período de hibernación da economía, os servizos financeiros foron considerados esenciais. Malia todo, a maior parte dos bancos manteñen a súa intención de restrinxir os servizos de caixa das oficinas, que deixarían de prestar servizo á clientela que o demande a partir das 11 da mañá. “Unha nova restrición que afecta en maior medida ás persoas con dificultades para o uso da banca electrónica ou incluso dos caixeiros, nomeadamente as persoas maiores, polo que a fenda dixital pode levar á marxinación financeira”.
A medida afecta máis ás persoas con dificultades para usar a banca electrónica, polo que a fenda dixital pode levar á marxinación financeira
Segundo sinalan, estas restricións dos servizos non teñen que ver coa dixitalización, que é un medio, senón cun novo modelo de sistema financeiro que, no canto de dar servizo, está centrado na colocación de produtos financeiros cada vez máis complexos. Cun modelo de organización do traballo por obxectivos que é claramente lesivo para os cadros de persoal das entidades e tamén para a clientela.
“Quen ten a obriga de colocar un determinado número de produtos financeiros a unha carteira delimitada de clientes fixada polo banco, pode ter un conflito de intereses. Non podemos esquecer que os escándalos na comercialización de produtos tiveron a súa orixe nese modelo comercial e de organización do traballo”.
Medida pactada
A posta en marcha das restricións de servizo por parte da maioría dos bancos ao mesmo tempo, coincidindo incluso no horario das restricións, apunta a existencia dun pacto, que a CIG entende debería ser investigado tanto polos organismos reguladores, coma polas autoridades de consumo.
Nese senso, a CIG demanda que a Xunta de Galiza e o Goberno central poñan en marcha medidas inmediatas para garantir os servizos financeiros nas oficinas. “Quen ten unha licenza bancaria non pode despreocuparse de dar servizo á clientela”, rematan.