A CIG denuncia que a lei do teletraballo non establece as bases para garantir unhas condicións laborais dignas
A CIG considera que o Real Decreto-lei aprobado hoxe no Consello de Ministros/as para regular o traballo a distancia nace con dous defectos insalvábeis: dunha banda é unha norma de mínimos que non dignifican a prestación do traballo neste modalidade e por outra banda, esta lei chega despois de terse interrompido o proxecto normativo que estaba en marcha, que se veu paralizada no CES "de maneira inaudita e sen antecedentes en favor do diálogo social".
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, segundo o que transcendeu nos medios xa que a central non dispón aínda do texto aprobado, este Real decreto non resolve a actual situación laboral derivada da pandemia da covid19 "na que se impuxo o teletraballo sen dereitos e que se mantén en vigor con carácter xeral". Carril critica que se obvien os trámites ordinarios e se menosprecen as institucións e organismos paritarios de representación, para levar a negociación desta lei ao marco do diálogo social.
Cómpre lembrar que o Goberno español abrira unha consulta pública para a elaboración da futura lei do teletraballo, na que a CIG presentou as súas achegas e consideracións a respecto da regulación desta modalidade de prestación do traballo. "Pero a tramitación da lei quedou suspendida de xeito insólito estando no CES, para pactar un acordo con UGT, CCOO e a patronal que non establece as bases para garantir unhas condicións dignas de teletraballo", asevera.
Inconcreción na cobertura dos gastos
Neste senso, Carril chama a atención sobre a inconcreción no relativo á cobertura dos gastos xerados por esta modalidade de traballo e como as empresas se farán cargo destes, "tendo en conta que non asumirán os custes na súa totalidade". Cuestiona tamén a consideración que se fai do traballo a distancia do punto de vista da prestación e da ordenación da xornada.
"Vincúlase a consideración do teletraballo ao número de horas en relación coa xornada laboral, facilitando a desregulación e que, polo tanto, o carácter voluntario e a revogabilidade que se me menciona no RD estean moi imposibilitadas na realidade", advirte. Considera o secretario xeral da CIG que as empresas pretenderán aproveitar esta circunstancia "para impor, cando o poidan prestar, unha flexibilización do teletraballo prexudicial e sen dereitos para os traballadores e traballadoras".
Ademais, tal e como está formulada, esta lei non significa un avance en termos de conciliación, senón un atraso, á vista de como se está a desenvolver esta modalidade de traballo no tempo que levamos de pandemia.
Atendendo a esta realidade, Carril amosa a preocupación porque as consideracións que aparecen na lei sobre o dereito á desconexión dixital, a intimidade e dignidade "quedan no enunciado, sen que isto realmente desenvolva ningún dereito neste eido". Xunto a isto, a CIG alerta que tampouco se avanza nas garantías dos dereitos sindicais do persoal que non traballe de xeito presencial.
Regulación de mínimos
Fica por comprobar o alcance que pode ter este texto xa que se trata dunha regulación de mínimos que empraza na negociación colectiva a concreción do resto de asuntos. "En todo caso, eses mínimos non son defensores dunha dignificación da prestación do traballo a distancia e terá que ser na negociación colectiva onde se conclúa a regulación, mais nunha dialéctica moi regresiva por parte da patronal".