A CIG denuncia que a falla de EPIs nas ambulancias pon en risco a traballadores/as e usuarios/as
A FGAMT-CIG denuncia a falla do número suficiente de Equipos de Protección Individual (EPI) no sector das ambulancias e os riscos que isto supón para traballadores/as e usuarios/as, ante a situación de emerxencia actual. A central tamén fai un chamamento para extremar as medidas de limpeza e desinfección de ambulancias, advertindo que onde non sexa así os delegados/as de prevención pararán o servizo ante o risco grave e inmimente para traballadores/as e usuarios/as.
Dende o sector de Transportes da FGAMT-CIG explican que polo escaso número de equipos de protección -segundo o protocolo que a Fundación 061 entregou ao persoal de ambulancias- só se deben empregar os EPIs cando desde o propio 061 se lle informe da sospeita ou confirmación de contaxio. Porén, isto non ocorreu nos varios casos rexistrados que, finalmente, foron positivos.
Sinalan ademais que nalgúns destes casos as ambulancias seguiron traballando o resto da xornada logo destes servizos, tempo no que se que atenderon máis pacientes, e que estas traballadoras marcharon aos seus domicilios coas súas familias e só horas despois foron informadas dos positivos detectados.
Esta situación tan grave dáse pola escaseza de equipos de protección individual que ameaza co colapso de transporte sanitario nos próximos días, co aumento de casos positivos, de non solucionarse de inmediato. Por exemplo, na xornada de onte, denuncian desde a FGAMT-CIG, na ambulancia medicalizada de Santiago, a única existente para as áreas sanitarias de Santiago e Barbanza, había unha única máscara por traballador.
Na área sanitaria de Vigo calcúlase que en dous días xa non quedará protección de ningún tipo e en Lugo, na empresa Luis Iglesias Carreira SL nin sequera se poden comprar os EPIs e o material das ambulancias porque o xerente está desaparecido, logo de anunciar a entrada da compañía en proceso concursal.
A respecto do número de equipos de protección, os delegados de prevención de riscos contactaron coas empresas para saber a cantidade dispoñíbel, dos que se fan recontos diariamente pola absoluta precariedade de medios. Ante a situación solicitan que a Fundación 061 e o SERGAS lle poña remedio de inmediato, tal e como se comprometeran, xa que na actual crise supón un risco inasumíbel facer así os traslados de pacientes.
O persoal das ambulancias non está incluído como persoal sanitario
Desde a FGAMT-CIG ademais denuncian que os empregados e empregadas de ambulancias non están incluídos como persoal sanitario para a realización de probas de detección do Covid19 tendo que acceder a elas como calquera outra persoa, co aumento do tempo de confirmación. Demandan igualmente que non recibiron aínda ningún tipo de formación específica sobre unha situación como esta, sen precedentes no sistema sanitario.
Finalmente lembran que o transporte en ambulancia, tanto o urxente como o programado, constitúe unha parte fundamental do sistema sanitario e que así debe ser tamén a súa consideración por parte do SERGAS que é o responsábel de garantir, en última instancia, a seguridade do persoal e dos pacientes.