A Escola Galega de Administración Pública ignora as necesidades reais de formación do persoal

A representación da CIG abandonou a xuntanza do Consello Reitor en sinal de protesta pola xestión “opaca” do organismo
Nacional - 27 Dec 2024

A CIG abandonou a xuntanza do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) celebrada onte en sinal de protesta por unha dirección “desgaleguizadora” e a xestión “totalmente opaca” dun organismo que ignora as necesidades reais de formación do persoal empregado público . A central sindical cualifica de “crítica” a situación do organismo público “despois dun ano negro”.

Ademais, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración denuncian que a EGAP emprega a “dedocracia” na contratación do persoal formador, sen dar conta tan sequera das súas remuneracións económicas. 

O “desfase abismal” entre oferta e demanda formativa evidencia a “estrepitosa mala xestión” da Escola

Ao tempo que lamentan que a directora da entidade dende 2014, Sonia Rodríguez-Campos González, aplicase neste tempo “unha auténtica política de desgaleguización” que culminou este maio de 2024 coa eliminación de todos os actos de conmemoración do Día das Letras Galegas que viñan celebrándose ininterrompidamente dende a creación da EGAP.

Lembran neste senso que unha das razóns de ser e un dos fins da entidade é precisamente o da difusión e a normalización do galego na Administración pública, a capacitación lingüística do persoal e a fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega, ademais da difusión da lingua e cultura galegas (Lei 4/1987). “En cambio, a Escola leva unha década sen responder á altísima demanda real de formación en galego, mentres que tampouco lle esixe ningún coñecemento da lingua galega ao persoal docente, nin require o emprego de material educativo en galego”.

Até o punto de que a día de hoxe a EGAP non conta cun plan anual de difusión e normalización da lingua galega -medida solicitada en incontábeis ocasións pola CIG- “a pesar da emerxencia lingüística na que nos atopamos e dos informes do Consello de Europa sobre o cumprimento da Carta Europea de Linguas Minorizadas, que apuntan a importantes déficits no eido da Administración pública galega”.

Segundo a CIG, o “desfase abismal” entre oferta e demanda formativa evidencia a “estrepitosa mala xestión” da Escola. Segundo datos facilitados pola propia EGAP, a oferta de cursos de linguaxe administrativa galega é de 900, fronte ás 5000 solicitudes. Na mesma liña están, tamén, cursos en materias determinantes como igualdade e violencia de xénero (oferta 1889/demanda 11.911) ou de COMDIX (certificación galega de competencias dixitais, cunha oferta de 850 e unha demanda de 5601).