Os principais xornais galegos censuraron a información das convocatorias da CIG para o Primeiro de Maio
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, vén de remitir un escrito aos directores de diversos diarios galegos, entre eles os do grupo Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión e El Correo Gallego) e do Grupo Progreso (El Progreso e Diario de Pontevedra) para manifestar o seu rexeitamento pola ocultación das convocatorias da central sindical para o vindeiro Primeiro de Maio e demandar un tratamento equilibrado e sen censuras a todos os sindicatos, cumprindo así coa súa responsabilidade como medios de comunicación social. A CIG lamenta que estes xornais se sumen á política de silenciamento que, de forma sistemática, practica La Voz de Galicia.
Reproducimos de seguido a carta:
O pasado luns, día 22 de abril, a CIG, primeira central sindical de Galiza, convocaba unha rolda de prensa para presentar a campaña arredor da que celebrará este ano o Primeiro de Maio. Este xornal non considerou, porén, que se tratara dunha información relevante abondo como para darlle sequera un breve na súa edición impresa.
Fronte a ese criterio, este mércores, día 24 de abril, dous días despois, CCOO e UGT presentaban tamén as súas convocatorias de cara ao Primeiro de Maio. Neste caso, o xornal que vostede dirixe si entendeu que a información era relevante e publicou a noticia na edición en papel do día 25 de abril.
Resulta rechamante esta diferenza de trato. Non porque se lle dedique un espazo ao anuncio das convocatorias de CCOO e UGT, senón pola ocultación das que promove a CIG. Unha diferenza de trato que responde a unha decisión política e ideolóxica que, como ben sabe, vulnera os máis básicos principios dun sistema democrático.
Porque como tamén vostede sabe, entre os principios constitucionais dos sistemas democráticos están, ao mesmo nivel, o dereito de expresión e o dereito de información, mais tamén o dereito a “recibir” información e, ademais, que esta sexa veraz.
O problema vai, pois, máis alá da simple censura da información relativa ás convocatorias da CIG. O problema é que atendendo a un criterio exclusivamente ideolóxico, este xornal decide vulnerar o dereito das e dos lectores do xornal, a saber cales son as mobilizacións convocadas pola primeira central sindical de Galiza e as razóns polas que as convoca.
O dereito a recibir información non é só unha ladaíña que figura a carón doutros dereitos contemplados no artigo 20 da Constitución española. O dereito a recibir información é básico, e así o considera a xurisprudencia do Tribunal Constitucional ou a do Tribunal de Estrasburgo, para que as persoas poidan acceder a pensamentos, ideas e opinións diversas e conformar a súa propia. Básico, polo tanto, para outros dereitos fundamentais como o pluralismo, principio sen o que a propia democracia desaparece.
A calidade democrática dunha sociedade pódese medir, xa que logo, pola calidade democrática dos seus medios de comunicación, depositarios e responsables de cumprir e facer cumprir os principios que garantan non só os seus dereitos, canto empresas de comunicación que defenden uns determinados intereses económicos, políticos e ideolóxicos, senón tamén os da sociedade á que se dirixen, que merece ser tratada con respecto.
Esta non é a primeira vez que deciden censurar informacións referidas á CIG, reitero, primeira central sindical en Galiza en representación, en afiliación e en mobilización na defensa da clase traballadora galega.
Por iso, a Confederación Intersindical Galega, reclama do xornal que vostede dirixe, un tratamento equilibrado e sen censuras, asumindo a súa responsabilidade como medio de comunicación e cumprindo con aqueles principios democráticos que o atinxen e que son dereitos fundamentais de toda a cidadanía: o dereito a expresar opinións, ideas e pensamentos; a difundir e “recibir” información, e que esta sexa veraz. Todo isto como garantía do pluralismo que é base de todo o noso sistema democrático.
Atentamente,
Paulo Carril Vázquez
Secretario Xeral