
A CIG denuncia os reiterados incumprimentos laborais da empresa que xestiona a piscina municipal das Pontes

A CIG denuncia os reiterados incumprimentos laborais da empresa que xestiona a piscina municipal das Pontes, Serviplustotal, e reclámalle ao Concello, como titular do contrato, que interveña para garantir que se respectan os dereitos das traballadoras e traballadores e se presta un servizo de calidade ás persoas usuarias destas instalacións.
A central sindical explica que Serviplustotal incumpre de xeito sistemático o que marca o convenio galego de instalacións deportivas no relativo aos calendarios, descansos ou ao abono dos salarios, tendo que recorrer o persoal aos xulgados para poder exercer os seus dereitos.
Como exemplo, destacar que a empresa nunca elabora o calendario laboral antes do 1 de decembro, como estabelece o convenio; a día de hoxe non ten feito o calendario de vacacións, cando debería estar antes do 31 de xaneiro; e non cumpre cos descansos semanais, xa que hai persoal que non ten ningún día de descanso á semana, cando debería gozar de dous días consecutivos, segundo o convenio.
A isto engádese que Serviplustotal non facilita as roupas de traballo en tempo e forma e nin sequera paga os salarios no prazo marcado polo convenio: os dous primeiros días do mes. De maneira reiterada, sinala o secretario de Organización da CIG de Ferrol, Xoán Galdo, “a empresa leva tempo ingresando as nóminas cun atraso de até 18 días, cos dificultades que isto supón para os traballadores e traballadoras á hora de afrontar o pago de facturas, alugueiros, hipotecas etc.”.
O persoal avalía mobilizacións
Neste contexto, e ante a negativa rotunda da empresa a recibir a representación legal do persoal, a CIG mantivo varias xuntanzas do Concello das Pontes para informar destas problemáticas e instar a que actúe “xa que ten a responsabilidade última do servizo”. Porén, critica Galdo, a empresa segue desaparecida e o Concello mirando para outro lado, “mentres as traballadoras e traballadores son os prexudicados e, de rebote, as persoas usuarias da piscina que non parecen importarlle a ningunha das partes responsábeis”.
Diante desta situación de desleixo, o persoal da piscina municipal das Pontes está avaliando iniciar un calendario de mobilizacións para exixir solucións inmediatas.