A CIG denuncia os intentos de Textil Lonia de culpabilizar do conflito a representación sindical
A CIG denuncia os intentos da empresa Sociedad Textil Lonia de Ourense de culpabilizar a representación legal das persoas traballadoras (RLT) do conflito laboral mediante a difusión hoxe dun comunicado “improcedente e xuridicamente incorrecto” entre o seu cadro de persoal no que a responsabiliza do que está a acontecer, ademais de acusala de negarse a negociar os “servizos mínimos” pesar de tratarse dunha actividade non esencial.
No texto a compañía tenta atribuírlle á RLT, e mesmo ás propias persoas traballadoras, a responsabilidade do conflito laboral, “cando este ten a súa orixe na ausencia de propostas salariais suficientes por parte da dirección”. Textil Lonia afirma ademais que non ten a obriga de negociar, “unha expresión que resulta especialmente preocupante, xa que a negociación colectiva é un dereito constitucionalmente recoñecido e unha obriga inherente ás relacións laborais cando existe un conflito aberto e reivindicacións formuladas pola parte social”.
A resolución do conflito pasa por que Textil Lonia cumpra coas súas obrigas legais e sociais: respecto ao dereito á folga, negociación colectiva de boa fe e melloras salariais reais
A CIG rexeita tamén a acusación de que a representación sindical se negase a negociar os “servizos mínimos”, ao tempo que aclara que desde o punto de vista legal non existen servizos mínimos neste conflito, dado que a actividade desenvolvida por Textil Lonia non ten a consideración de servizo esencial para a comunidade, requisito indispensable para a súa imposición conforme á doutrina constitucional e á lexislación vixente”.
Neste senso, dende a central lembran que os servizos mínimos non son obxecto de negociación entre empresa e RLT, senón que, cando proceden, deben ser fixados pola autoridade competente e só en sectores que afecten a dereitos fundamentais da cidadanía. “A produción téxtil vinculada ao sector do luxo non encaixa en ningún caso nesta categoría. Polo tanto, presentar a inexistencia de negociación sobre servizos mínimos como unha actitude irresponsable da RLT supón unha distorsión dos feitos e do marco legal aplicable”.
Así mesmo, a CIG incide en que o dereito á folga é un dereito fundamental recoñecido no artigo 28.2 da propia Constitución Española e que non pode ser condicionado nin deslexitimado mediante argumentos alleos ao ordenamento xurídico, nin mediante comunicados que pretendan trasladarlle á opinión pública unha imaxe falsa das persoas traballadoras. “A empresa evita pronunciarse sobre o núcleo do conflito: salarios insuficientes, perda de poder adquisitivo e ausencia de compromisos económicos concretos, limitándose a cuestionar o exercicio de dereitos legalmente recoñecidos”.
Finalmente, reitera a súa disposición á negociación colectiva “real e efectiva”, entendida como aquela que inclúe propostas económicas concretas e vontade de acordo, e advirte de que non aceptará interpretacións interesadas da legalidade nin intentos de culpabilización nin da RLT nin das persoas traballadoras. “A resolución do conflito pasa exclusivamente por que Textil Lonia cumpra coas súas obrigas legais e sociais: respecto ao dereito á folga, negociación colectiva de boa fe e melloras salariais reais”.