A CIG denuncia os incumprimentos reiterados do convenio colectivo e dos pregos de condicións por parte da UTE Ecolugo

Lugo - 31 Mar 2025

A representación da CIG no comité da recollida do lixo de Lugo, adxudicado á UTE Ecolugo, quere denunciar o incumprimento reiterado por parte da empresa tanto no relativo ao convenio colectivo como aos pregos de condicións do contrato.

Os delegados da CIG advirten que Ecolugo está a utilizar maquinaria da antiga concesionaria, cando nos pregos de prescricións técnicas se recolle que estes vehículos (que teñen a condición de cedidos polo Concello) só poderán ser usados ‘como reserva’ e mentres non chegan os novos camións recolectores e de recollida e a maquinaria de menor tamaño, para o que se dá un prazo máximo de 8 meses.

Esta maquinaria vella, engaden, “non se atopa en boas condicións e resulta obsoleta para realizar o traballo”. E en canto aos vehículos de nova incorporación, advirten que hai algúns que nin sequera contan cos dispositivos preventivos adecuados. A isto hai que sumar que tampouco se está cumprindo co compromiso de abandonar os combustíbeis fósiles neste servizo (tal e como se recolle nos pregos), xa que se seguen a utilizar motores diésel.

Frío e humidade nas instalacións

No mes de xaneiro, a CIG reclamoulle á empresa que procedera a reparar os calefactores da nave e dos vestiarios e a dispor dos sistemas de calefacción adecuados ás dimensións das instalacións para garantir unhas condicións de temperatura axeitadas. Porén, despois de varias peticións na mesma liña, até agora Ecolugo fixo caso omiso da demanda, alegando que “está en estudio”.

A falta de calor suficiente resulta especialmente incómoda no inverno, “cando chegamos coa roupa toda mollada e temos que mudarnos nun lugar húmido no que fai frío, e non digamos xa se queremos darnos unha ducha”. Na mesma liña, lamentan que a empresa si habilitara un espazo para poder deixar a secar os EPI (como os traxes de auga), pero este lugar “non é útil porque non seca”.

Incumprimentos do convenio

Doutra banda, a representación da CIG denuncia que Ecolugo incumpre o marcado no convenio colectivo a respecto do pago dos incentivos ou das pagas extraordinarias, xa que de maneira sistemática abona estas cantidades fóra dos prazos estabelecidos no convenio.

A empresa non está entregando a roupa de inverno dende o ano 2022 e os EPI que tiña que entregar en 2024 non os deu, aducindo que había un acordo co anterior comité de seguridade e saúde laboral, no que a CIG non estaba. “Xa é grave que non cumpran o que marca o convenio, pero máis grave aínda foi comprobar, cando pedimos as actas do comité, que a empresa afirmaba terse reunido coa CIG cando esa reunión non existiu”.

Diante disto, a CIG reclámalle ao Concello de Lugo que inspeccione o funcionamento do servizo e que obrigue a UTE Ecolugo a respectar tanto os dereitos laborais como as condicións recollidas nos pregos da concesión.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.