Ferrovial incumpre de xeito reiterado as súas obrigas laborais no servizo de mantemento do Hospital de Conxo
A CIG denuncia publicamente a situación que existe no servizo de mantemento do Hospital Provincial de Conxo, onde os traballadores e traballadoras teñen que aturar continuos incumprimentos da normativa laboral por parte da empresa concesionaria, Ferrovial.
Xa desde o inicio desta concesión, Ferrovial incumpriu coas súas obrigas en materia salarial, nun primeiro momento non abonando o complemento de carreira profesional, "o que obrigou os traballadores a ter que presentar demandas no xulgado reclamando este dereito, tal e como se viña facendo até a chegada desta empresa", explica Pepe Maio, secretario comarcal da CIG de Compostela.
Máis recentemente, tampouco abonou a paga extraordinaria do verán, alegando problemas de xestión, "algo que nos parece inconcibíbel nunha empresa como Ferrovial".
A CIG puxo estes problemas en coñecemento do Hospital en varia ocasións , "xa que entendemos que son os responsábeis da área sanitaria quen deben preocuparse de que as empresas concesionarias cumpran cos compromisos que adquiren, e o primeiro deles é respectar os dereitos laborais e salariais dos traballadores e traballadoras", asevera Maio.
Pero por desgraza, critica, "mais alá de boas palabras, os responsábeis do CHUS non están a actuar como deberan no control ás empresas concesionarias".
Por iso, a CIG advirte que de continuar os incumprimentos iniciaranse medidas mobilizadoras, polo que fai un chamamento tanto a Ferrovial como á dirección do CHUS "para que cesen de inmediato os incumprimentos".