A CIG denuncia os asasinatos e a constante violación, por parte de Israel, dos dereitos da poboación palestina
A CIG súmase á denuncia da Rede sindical Europea pola Xustiza para Palestina fronte os asasinatos e a constante violación, por parte de Israel, dos dereitos da poboación palestina. A central sindical chama ademais a asinar a iniciativa cidadá #StopTradeWithSettlements para acabar coa complicidade europea co roubo e a violencia neste enlace: https://stopsettlements.org/
Como sindicalistas, temos a responsabilidade de protexer os dereitos dos traballadores e traballadoras nos nosos países, e de acabar coa complicidade institucional e estatal na perpetración de graves violacións dos dereitos humanos. Esta é unha obriga moral cara aos compañeiros de traballo que viven en condicións de opresión. E temos, tamén a obriga de defender o lexítimo dereito de autodeterminación dos pobos.
Onte, as forzas de ocupación de Israel mataron polo menos a 10 palestinos/as, entre eles unha muller de idade avanzada, nun ataque en Jenin. Moitos máis resultaron feridos, incluídos nenos que sufriron agresións con gases lacrimóxenos disparados nun hospital. As ambulancias foron bloqueadas fisicamente por vehículos blindados israelís ou disparadas por francotiradores. Os equipos médicos palestinos que puideron chegar aos feridos atopáronse baixo o lume e a falta de persoal, o que obrigou aos civís a colaborar na evacuación.
Israel matou a 30 palestinos nos primeiros 26 días de 2023, incluíndo 8 adolescentes (5 deles nenos/as) e unha muller de idade avanzada. Isto supón unha execución cada 21,5 horas. Unha crianza executada cada 5 días. A UE, está a ser cómplice de crimes coma este, ao comerciar con Israel, contribuír a armalo, e protexéndoo de toda responsabilidade. O comercio en curso cos asentamentos ilegais de Israel en terras palestinas é unha violación especialmente escandalosa do dereito internacional que a UE afirma apoiar e defender.
Iniciativa cidadá
A CIG chama ademais a sumarse, coa sinatura á iniciativa cidadá Stop Trade with Settlements. “Como cidadán da UE, tes o poder de deter isto. Se logramos chegar ao millón de sinaturas, as institucións comunitarias TERÁN QUE examinar a nosa demanda.
Asina para acabar coa complicidade europea co roubo e a violencia!” https://stopsettlements.org/