A CIG denuncia os abusos e as deficiencias no transporte de viaxeiros monopolizado por Monbus
Delegados/as do sector de Transporte da CIG concentráronse esta mañá diante da Estación de Autobuses de Santiago para denunciar os abusos laborais e o deterioro do servizo de transporte de viaxeiros en Galiza, practicamente en réxime de monopolio de Monbus. Unha situación favorecida pola Xunta de Galiza.
Segundo denunciou no decurso da concentración o responsable do sector, Xesús Pastoriza, Monbus está incumprindo o convenio colectivo e os pregos dos contratos “baixo ameaza de despedimento”. Neste sentido, explicou que “diminuíu as condicións laborais das traballadoras e traballadores, con modificacións das condicións de traballo e de descansos, aumentou as xornadas de traballo, reduciu os seus ingresos e está despedindo ao persoal”.
Unha situación á que hai que engadiu a “nula seguridade e absoluta despreocupación polos traballadores e traballadoras do sector” en tempo de covid-19.
Transformación do sector: o monopolio de Monbus
Pastoriza retrotraeu as causas da actual situación ao ano 2017, cando a Xunta de Galiza comezou unha profunda transformación do transporte de viaxeiras e viaxeiros en autobús que culminou cos contratos e novas adxudicacións dos anos 2019 e 2020. Unha transformación que, segundo a consellaría, redundaría nunha enorme mellora da mobilidade en Galiza.
Lembrou que daquela se convocara unha folga contra estes novos contratos e pola mellora dos convenios colectivos do persoal. Folga que, segundo o responsable do sector de Transporte da CIG “o tempo demostrou que era completamente acertada”. Con todo Pastoriza, que apuntou que o sistema anterior necesitaba reformas “pero funcionaba relativamente ben”, considerou que “o actual funciona moito peor” porque “só favorece converter o sector nun monopolio dirixido a capricho”.
Empeoramento do servizo
Sendo a situación laboral grave, a FGAMT-CIG considera que os prexuízos van máis alá porque cos novos contratos empeorou o servizo que se presta a viaxeiras e viaxeiros que, segundo Pastoriza “teñen que soportar que non se fagan as viaxes, que saian máis tarde, que o número de prazas sexan insuficientes, que tarden máis tempo porque a empresa fai percorridos máis longos ou porque os obrigan a facer transbordos que non están previstos nos contratos”.
Ademais cuestionou a afirmación que no momento no que anunciou a transformación do sector fixo a Xunta, que asegurou que “estes contratos estaban feitos para protexer á pequena empresa galega”. “Moi ao contrario, a pequena empresa está desaparecendo en beneficio da grande empresa e o empresario protexidos e favorecidos pola administración”, denunciou.
Neste sentido Pastoriza asegura que esta situación “non ten máis que un beneficiario: o Grupo Monbus/Abanca, que é propietaria dun 34% da empresa de transporte”. E así se confirma ao constatar que preto das tres cuartas partes dos contratos da consellaría de Mobilidade están xestionados polo Grupo Monbus, que está ademais a punto de pasar a xestionar tamén preto da metade dos contratos da consellaría de Educación.
Por iso Pastoriza denunciou que “fronte as denuncias da CIG e das usuarias e usuarios, a consellaría fai periodicamente un lavado de cara mediático, pero non arranxa a situación para non prexudicar ao banqueiro de cabeceira de Feixó, nin ao grupo empresarial que é quen realmente manda na consellaría de Mobilidade”.
Fronte esta situación, o responsable do sector de Transporte adiantou que a CITG manterá a denuncia da situación e seguirá mobilizándose mentres non se garantan as condicións de traballo, absolutamente desregularizadas e un servizo público de calidade”.