Afóndase no trato discriminatorio ao persoal de mantemento das áreas verdes da Deputación de Lugo
A CIG denuncia o trato discriminatorio que sofre o persoal do servizo de mantemento das áreas verdes de Lugo, que durante lustros prestou o seu traballo a través de Suplusa e dende xaneiro de 2020 presta os servizos en Tragsa. Esta empresa pública está pretendendo recortarlle os dereitos de maneira paulatina e continuada e se o pasado ano lle negou a suba salarial do convenio colectivo de xardinería, agora pretende modificarlles a xornada, vulnerando así as condicións laborais que tiñan estes traballadores e traballadoras.
Cómpre lembrar que dende que a Deputación de Lugo apostou pola integración dos cadros de persoal dos distintos "chiringuitos" (tal e como os denominou o propio presidente do organismo), a única excepción a esta medida foi o colectivo de persoal do servizo de mantemento das áreas verdes, a quen se subrogou a empresa Tragsa, mentres que o resto de traballadores e traballadoras da extinta Suplusa si foron integrados na Deputación.
"É absolutamente incomprensíbel e discriminatorio o tratamento da Deputación con estes traballadores/as, pois xa pasaron procesos de selección para acceder ás súas prazas, e non existe impedimento legal ningún para a súa subrogación", critica o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña. Lois Neto denuncia que esta é "práctica clasista" por parte dun goberno que se define como progresista, "que non ten problemas para subrogar persoal administrativo e técnico, pero que se desentende do persoal que viste funda de traballo e permite alegremente que desde Tragsa se vaian vulnerando os dereitos laborais".
A CIG reitera o chamamento ao Goberno provincial para que rectifique e proceda a abrir un proceso de subrogación de dito persoal, "actuando por tanto co mesmo criterio para o conxunto de traballadores e traballadoras que prestaron servizos da institución a través de entes públicos asociados a esta".