A CIG denuncia o trato discriminatorio da Deputación de Lugo co persoal de mantemento e áreas verdes
A CIG denuncia publicamente o trato discriminatorio do Goberno da Deputación de Lugo cos traballadores e as traballadoras do servizo de mantemento de áreas verdes, que durante lustros prestaron os seus servizos en Suplusa, e desde xaneiro de 2020 fano en Tragsa.
"Coa disolución definitiva de Suplusa e o remate da encomenda de xestión a Tragsa do servizo o 31 de decembro, a Deputación tiña unha ocasión perfecta para aplicar un trato igualitario ao conxunto dos traballadores e das traballadoras que durante anos prestaron servizos para esta a través de entes vinculados á Deputación, chámense Inludes, Fundación TIC, Fundación TOR ou Suplusa", subliña o secretario de Organización de CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.
Cómpre lembrar que despois dun proceso nos últimos anos de disolución de entidades públicas vencelladas á Deputación -e denominados pola propia institución de forma inaudita como 'chiringuitos'- no que os cadros de persoal foron subrogados á Deputación, no caso do persoal do servizo de mantemento de parques e xardíns, este foi subrogado a outra empresa pública, "e conforme á propia doutrina do Goberno provincial, a outro 'chiringuito', neste caso Tragsa".
Un proceder incomprensíbel e discriminatorio
A CIG pode entender que durante o ano 2020 o servizo fora prestado a través de Tragsa de forma transitoria mentres se executaba o proceso de disolución de Suplusa, e mentres se decidía que futuro darlle aos traballadores e traballadoras que prestaban servizos en Suplusa. "Mais non resulta en absoluto entendíbel, e ademais é discriminatorio, que agora que se disolve definitivamente Suplusa, uns traballadores pasen á Deputación e outros continúen a prestar servizos en 'chiringuitos' alleos", asevera Neto.
Para Neto, a discriminación cara a persoal é innegábel, pois teñen pasado procesos de selección para acceder ás súas prazas e non existe impedimento legal ningún para a súa subrogación. "E por riba, resulta unha práctica clasista por parte dun Goberno progresista, que non ten problemas para subrogar persoal administrativo e técnico, pero que se desentende do persoal que viste funda de traballo".
Diante diso, a CIG fai un chamamento ao Goberno provincial a rectificar e proceder a abrir un proceso de subrogación de dito persoal, actuando así co mesmo criterio para o conxunto de traballadores e traballadoras que prestaron servizos á institución a través de entes públicos asociados á mesma.