
A CIG denuncia o Estado español no Comité Europeo de Dereitos Sociais

A CIG vén de presentar unha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) polo incumprimento do Estado español da contía do salario mínimo interprofesional (SMI). A Carta Social Europea contempla que o SMI sexa do 60% do salario medio. Porén, segundo Eurostat apenas chega ao 50%, o que xa vén denunciando a CIG desde 2019.
A central sindical viña reclamando, desde o ano 2015, que o Estado español se adherise á Carta Social Europea (CSE), algo que por fin se efectivizou en xuño de 2021, cando se subscribiu tanto a CSE, como o Protocolo de Reclamacións Colectivas.
A central sindical presenta agora esta reclamación polo incumprimento do artigo 4.1 da Carta Social Europea, ao non ser suficiente a contía fixada para o SMI, por Real Decreto, en febreiro deste ano, malia no seu propio preámbulo afirmarse que con esa actualización do salario mínimo interprofesional se daba “cabal cumprimento ao disposto polo Comité Europeo de Dereitos Sociais”.
Unha afirmación que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera falaz porque nese R.D. se fixou o SMI en 1.080 euros brutos mensuais en catorce pagas, cantidade claramente inferior ao 60% do salario medio neto español, cuantificado –ese 60%– en 17.016,17€ brutos/ano por Eurostat para o ano 2022.
Estabelecer o SMI en 1.215,42€ ao mes, en 14 pagas, suporía, segundo Carril, garantir “un nivel de vida digno para as persoas traballadoras e as súas familias” e atinxiría, segundo o secretario confederal de Emprego e Industria, Francisco González Sío, a 574.000 traballadoras e traballadores galegos, o 54% das persoas asalariadas en Galiza, con ingresos inferiores ao SMI. Traballadoras e traballadores que “sofren pobreza laboral” e para as que é imprescindíbel “dignificar a súa situación social e laboral”.
Datos da Axencia Tributaria
Para facer o cálculo a CIG recorreu sempre aos datos dos módulos salariais que publica a Axencia Tributaria (que cuantifica en 28.301€ o salario medio, o que daría un SMI de 1.212,9€) porque “permiten coñecer de forma máis fidedigna os ingresos reais das e dos traballadores”. Deste xeito, os cálculos da central sindical difiren minimamente dos de Eurostat, que sitúa o SMI, no Estado español, nun 49,36% do salario medio (28.360,29€/ano), polo que debería ser de 1.215,42. Contía que a central sindical proporciona para avalar a súa denuncia perante o Comité.
O CEDS xa instou a España, en múltiples ocasións, a elevar o seu SMI como requisito necesario para cumprir a Carta, subliñando que a situación actual “non é conforme o que se determina para garantir un nivel de vida digna”; o CES español no seu último informe tamén calcula que o SMI non chega ao 50% do salario medio e a propia UGT acaba de asumir as teses da CIG, ao recoñecer que se incumpre a Carta Social Europea. Posición, esta última, á que Carril deu a benvida e diante da que agarda que “actúe en coherencia, non perpetuando este incumprimento a través do diálogo social”.
Grupo de expertos
Diante disto, o secretario confederal de Emprego reclama que se mude o método científico empregado para o Estado español facer os cálculos. Cuestiona o “grupo de expertos” que o asesoran, por basear eses cálculos na Enquisa anual de estrutura salarial do INE que “non ten rigor científico” porque é “unha mostra realizada a 220.000 persoas traballadoras en 28.500 centros de traballo, mediante un cuestionario que é cuberto polas propias empresas”, pero sen participación das persoas traballadoras.