A CIG denuncia o despido dun traballador de Pérez Rumbao tras reincorporarse dunha grave enfermidade
A federación de Industria da CIG de Ourense presentou unha demanda no Xulgado para reclamar a nulidade do despedimento dun traballador de Bétula Cars, do grupo Pérez Rumbao, que se reincorporou á empresa tras superar unha grave enfermidade.
Dende a CIG-Industria explican que a dirección optou por rescindirlle o contrato no mes de xullo, nada máis reincorporarse á empresa tras superar unha grave enfermidade que o mantivo varios meses en situación de baixa por incapacidade temporal.
Aproveitan a reforma laboral para botalo alegando que non pasou o período de proba tras oito meses na empresa
Ademais, critican que a compañía lle comunicou a decisión un día antes de que o afectado se desprazase a Madrid a realizar unhas probas para confirmar a mellora da súa doenza. “Aproveitaron a última reforma laboral e un dos contratos lixo legalizado mediante esa reforma para botalo alegando que non superara o período de proba tras máis de oito meses na empresa”.
Finalmente, anuncian a súa intención de apoiar o compañeiro despedido até lograr a súa readmisión, ao tempo que reclaman a solidariedade do conxunto da cidadanía. Representantes da federación acudirán ao acto de conciliación do despido que terá lugar o vindeiro día 7.