A CIG denuncia o despedimento encuberto do delegado de persoal de ambulancias de Lalín
Pablo Taboada traballa como condutor na base da ambulancia do 061 de Lalín desde hai 22 anos, xestionada desde a última subrogación por Ambulancias Quiroga. É, ademais, o delegado de persoal pola CIG. Hai un ano, nunha garda, tivo que ser atendido en Urxencias tras sufrir convulsións e perder o coñecemento. Tras un ano de baixa, a Seguridade Social estimou que non podería seguir traballando como condutor porque non foron quen de saber por que se producira as convulsións e, polo tanto, non se podía descartar unha recaída, a pesar de que se atopa perfectamente. Porén, a Seguridade Social si admite a posibilidade de compatibilizar a pensión con outro posto de traballo na empresa que non supoña conducir a ambulancia.
Nese momento o compañeiro iniciou o proceso para mudar para outro dos postos de traballo que si existen nesta empresa, tal e como xa ocorreu máis veces, en casos similares, con outros traballadores nesta área sanitaria. A solicitude fíxoselle á empresa para trasladar á Seguridade Social esta modificación que permitía manter o contrato.
Tras dar largas, o único que fixo a empresa foi dalo de baixa. Segundo Inácio Pavón, da FGAMT-CIG de Santiago "isto é un despedimento encuberto e unha práctica inaceptábel de Ambulancias Quiroga porque, con enganos, pretende deixar na rúa a un traballador que leva 22 anos no servizo e que ademais é o delegado de persoal. Pablo non só é delegado de persoal senón que foi escollido polos seus compeñeiros e compañeiras como coordenador dos delegados de toda a área sanitaria de Santiago e Barbanza”.
Ambulancias Quiroga entrou na área sanitaria de Santiago para xestionar a base de Lalín o pasado mes de decembro da man da "UTE Casablanca y otros", xunto con Ambulancias Casablanca, Ambulancias do Atlántico, Ambulancias do Nordés e Ambulancias Ortigueira.
Ruptura de relacións
En asemblea celebrada esta mesma semana, os delegados e delegadas da área sanitaria acordaron trasladar a todas as empresas que se rompían relacións mentres non se solucione o que consideran “un auténtico atropelo” e “un ataque directo á repesentación sindical”. Polo tanto esta posición será comunicada a todas as empresas nos próximos días.
Segundo Jesús Abades, delegado en Ambuibérica e que exerceu de portavoz dos delegados e delegadas, "dáse a circunstancia de que nos peores momentos da pandemia, nos meses de marzo e abril, faltou material e faltaron EPIs para facer o traballo e fomos os propios delegados/as e os/as traballadores/as quen tivemos que sacarlle as castañas do lume ás empresas e conseguir equipos de protección en confrarías, perruquerías, Protección Civil, etc e sen pedir nada a cambio" indicou. "Ambulancias Quiroga foi unha das empresas que estivo desaparecida e Pablo Taboada foi un dos compañeiros que más contribuíu a coordinar ese traballo, e non só na súa base. Así nolo pagan agora", conclúe Jesús Abades.
O representante da FGAMT-CIG de Santiago considera despreciable que se deixe sen traballo a un empregado que sofre un problema médico e que leva anos traballando impecablemente nas ambulancias de emerxencias. "Quen veñen e van cada catro anos, con cada concurso público, son as empresas e non imos permitir de ningunha maneira que despidan a Pablo para aforrar a súa antigüedade".
Mobilizacións
Segundo Pavón, ademais de trasladar ás empresas a ruptura de relacións e de emprender as accións legais que correspondan, acordouse iniciar mobilizacións con toda a contundencia, se isto non se soluciona de inmediato coa readmisión do traballador e a adaptación do posto de traballo. Así comunicaron que as mobilizacións se iniciarían na próxima semana coa convocatoria dunha manifestación en Chantada, de onde é o empresario, na que participarán traballadores de todo o país.