A CIG denuncia o deficiente servizo prestado no SAF de Redondela polo caos organizativo
A CIG-Servizos vén de denunciar o caos organizativo do SAF de Redondela que está a provocar unha prestación deficiente do servizo. Coa nova empresa adxudicataria, que se fixo coa concesión hai catro meses, a situación empeorou cunha organización caótica que está repercutindo tanto nos horarios como na asignación de usuarios.
Pedro Pérez, da executiva de CIG-Servizos, atribúe que esta situación ben ás fallas de coordinación da empresa que, “en lugar de resolver problemas, parece que os crea ou de xeito voluntario” ou ben á “ineptitude de quen organiza”.
Segundo explica, transcorridos catro meses desde que chegou a empresa aínda están a avisar diariamente ás auxiliares do SAF para acudir a un domicilio ou outro, sen dar máis datos que o nome do usuario/a e o enderezo do domicilio que “moitas veces non coincide coa realidade”, e que cando se avisa para que se corrixa “a mesma coordinación non o soluciona polo descoñecemento que se ten da praza onde presta o servizo, neste caso do concello de Redondela”.
Asegura que desde a CIG, levan tempo traballando para solucionar este problema por todas as vías posíbeis: a empresa, Inspección da Xunta, Inspección de Traballo, Servizos Sociais do concello e directamente coa Alcaldía de Redondela, “sen obter resultados que solucionen os problemas, tanto das persoas usuarias do servizo como os das persoas traballadoras”.
Conversión de contratos a tempo completo
Tras da denuncia presentada pola CIG en Inspección de Traballo, e segundo comunica a empresa, desde o 19 de setembro a empresa converteu 4 contratos de tempo parcial a tempo completo, por ter unha parcialidade superior ao 89%.
Situacións de inestabilidade laboral que a CIG vixiará para que se corrixan, así como se deben corrixir o aboamento da quilometraxe, o tempo de traslado entre domicilios, para que se compute como xornada de traballo. Cuestión que, como explica Pérez, “tamén están a crear problemas polo seu incumprimento”.
Xunto a isto, advirte que a CIG seguirá a demandar o cumprimento do convenio colectivo en relación ao incremento salarial do 6,5%, “que a día de hoxe se segue incumprindo porque tan só se actualizaron os salarios o 3,1%”. Ademais, a central sindical agarda que a situación caótica en relación a coordinación dos servizos, a organización de horarios da prestación de servizos, da atención dos usuarios/as e incumprimentos varios do convenio colectivo se corrixan de inmediato. En caso contrario, asegura Pérez, “seguiremos coas accións sindicais e mobilizacións até que se arranxe”.