A CIG denuncia o caos no transporte escolar polos incumprimentos do Grupo Monbús
A CIG denuncia a situación de caos que se está a vivir no transporte escolar de toda Galiza dende a posta en marcha dos novos contratos, monopolizados na súa inmensa maioría polo Grupo Monbus. Esta desorganización ten especial impacto na zona de Ferrolterra, onde na primeira xornada de regreso ás aulas, parte das crianzas de Mugardos, Ares, Monfero ou Cabanas que utilizan este servizo chegaron tarde á escola e mesmo tiveron que agardar media hora ás portas dos colexios para poder retornar as súas casas.
Isto ocorre, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, porque a empresa, no seu afán de tirar máis beneficio, pretende facer dous servizos que coinciden nos horarios cun único autobús. "Hai tal desorganización que onte houbo pais e nais que ao ver que o autobús non chegaba á parada, pensaron que non había servizo e decidiron levar os seus fillos e fillas ao colexio nos coches particulares. Unha situación que se repite hoxe", apunta.
A CIG xa advertira a pasada semana de que Monbus non estaba cumprindo os pregos dos contratos, xa que a pesar de ter data de inicio o 22 de decembro, a empresa non entregou o escrito de subrogación ao persoal, que ten recoñecido este dereito. De feito, a empresa non chamou os condutores e condutoras para que se incorporaran ao seu posto até esta fin de semana, mesmo agardando até ás 10 da noite do domingo para comunicar a entrada no servizo.
Ademais, no caso do persoal acompañante (un colectivo precarizado e integrado na súa maioría por mulleres con contratos temporais e a tempo parcial), Monbus deunas de alta de maneira unilateral na Seguridade Social cunha xornada inferior á que tiñan. "E non só iso, subliña Pastoriza, senón que incluso se nega a deixalas no lugar onde inician o servizo (tal e como establece o convenio), polo que onte houbo varias traballadoras que tiveron que chamar a un taxi para poder regresar as súas casas".
Responsabilidade da Consellaría
Pastoriza sinala que a CIG xa se dirixiu á Consellaría de Educación para comunicarlle estes incumprimentos e demandarlle solucións tanto para que se respecten os dereitos laborais do persoal condutor e acompañante como para unha adecuada organización do servizo público.
Neste senso, Pastoriza responsabiliza a Consellaría deste caos pola neglixente xestión que fixo na adxudicación dos novos contratos e reclámalle que faga cumprir a lei para evitar que os traballadores/as sexan unha vez máis os prexudicados/as pola avaricia do Grupo Monbús.