A CIG denuncia o asasinato das activistas kurdas no norte de Siria
Yusra Darwish, copresidenta do cantón de Qamishlo, no norte e leste de Siria, foi asasinada o pasado martes, 20 de xuño, cando o estado turco bombardeou o seu vehículo, preto da aldea de Beyundar, na estrada Qamishlo-Tirebespi. Leyman Shiweish, copresidenta adxunta, que tamén estaba no vehículo, foi asasinada tamén, xunto con Farat Touma, o seu condutor. O copresidente cantonal, Kabi Shamoun, resultou ferido.
As vítimas tiñan unha longa historia de loita pacífica para establecer un sistema democrático e ecolóxico que respectase as liberdades dos seus pobos. Ambas mulleres traballaron arreo polo cambio social e pola organización de actividades sociais, comunitarias e políticas no cantón de Qamishlo, desde o inicio da revolución.
O Estado turco segue atacando a mulleres e homes politicamente activos que están á vangarda da democracia e na procura da paz en Oriente Medio.
Na véspera do centenario do Tratado de Lausana, os internacionalistas deben mobilizarse contra estes ataques, contra a ocupación e o xenocidio.
Por iso, desde a CIG pedimos aos gobernos e institucións internacionais que amosen a súa oposición a estas políticas e adopten medidas eficaces para frealas. Quen manteña silencio ante a guerra de agresión e ocupación do goberno de Erdogan será cómplice da devastadora situación na que se atopan as 4 partes do Kurdistán.