A CIG denuncia o alarmante empobrecemento da clase obreira a consecuencia das reformas laborais

O Informe de Mercado Laboral en Galiza en 2017 constata o grave deterioro das condicións de vida
Compostela - 13 Mar 2018

O secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, e a responsábel do gabinete de Economía da CIG, Natividade López, presentaron esta mañá en rolda de prensa o Informe do Mercado Laboral galego correspondente ao ano 2017. Unha exhaustiva análise da que se tira que as reformas laborais impostas so pretexto da crise provocaron unha grave perda de peso dos salarios no PIB derivada da perda do emprego e do deterioro das condicións laborais. Unha situación que leva á consolidación en Galiza da figura da traballadora/traballador pobre.

Informe Mercado de Traballo 2017

Informe Mercado de Traballo 2017.docx (98.4 KiB)

No traballo analízase a evolución do emprego en 2017 a partir de datos oficiais publicados polo IGE e compárase coa situación nos anos inmediatamente anteriores ao inicio da crise (2008- 2009), mais desta volta tamén co ano 2012 porque foi cando se aprobou a última reforma do PP que “supuxo un antes e un despois nas condicións do mercado de traballo en Galiza”.

Segundo estes datos constátase que a poboación de máis de 16 anos en Galiza se reduciu, desde o ano 2008, en 51.300 persoas. Un descenso que só en 2017 foi de máis de 7.900 persoas e que López Gromaz atribuíu tanto ao saldo vexetativo negativo que sofre Galiza, como a que “a medida que a crise comezou a destruír emprego miles e miles de galegas e galegos abandonaron o país en busca dun posto de traballo”, afirmou.

Hoxe hai 175.300 persoas menos que en 2009 menores de 45 anos

 Esa emigración percíbese na perda de poboación activa, que se mantivo até o ano 2012 e que descendeu de forma alarmante nos seguintes, con case que 70.000 persoas menos en activo  desde ese ano, un 5,2% da poboación, e que afectou fundamentalmente ao tramo de idade de menores de 40 anos. Tal é así que hoxe hai 175.300 persoas menos que en 2009 menores de 45 anos; entre os menores de 24 anos reduciuse a poboación activa á metade e os menores de 35 anos pasaron de representar o 27,7% a un 19% na actualidade.

148.000 persoas ocupadas menos que en 2008

A responsábel do Gabinete de Economía recoñeceu que levamos 3 anos creando emprego, aínda que matizou que en 2017 só se creou nunha porcentaxe do 1,2%, practicamente a metade do creado en 2016. Isto achegou os niveis de ocupación aos de 2012, pero con respecto a 2008 aínda hai 148.000 persoas ocupadas menos e o que é máis grave, “cun deterioro enorme das condicións laborais que se ve tanto nos ingresos como nas condicións do traballo”.

7.000 menores de 35 anos perderon o posto de traballo en 2017 e son 112.300 ocupados menos que no ano 2009

 Con respecto a 2008 hai 121.000 homes ocupados menos, fronte a 27.000 mulleres. Isto explícase, segundo López Gromaz porque a perda de emprego aos inicios da crise afectou en maior medida a homes que a mulleres xa que onde se destruíu foi basicamente na Industria e na Construción, “sectores moi masculinizados”. Mais tamén porque onde se creou emprego estes anos foi en sectores “moi feminizados e moi mal pagados”, fundamentalmente en Servizos Sociais -axuda a coidados a dependencia- “dado que o sector público non os aporta e son as mulleres fundamentalmente quen están asumindo este tipo de empregos” e hostalería.

O colectivo de mozos e mozas foi outro dos máis afectados pola destrución de emprego e segue padecendo esa situación. De feito, 7.000 menores de 35 anos perderon o posto de traballo en 2017 e son 112.300 ocupados menos que no ano 2009, pasando de representar o 33,4% dos ocupados ao 23,1%, 10 puntos menos.

Temporalidade

Esta ocupación afectou ao sector privado mais tamén ao sector público. No último ano, por exemplo, onde se incrementou en 12.000 persoas o número de ocupados/as, no sector público descendeu en 1.100 e neste sector está aumentando a temporalidade, que está situada no 24%, cando un ano antes era do 22%. Un aumentou de dous puntos en só un ano.

A taxa de temporalidade foi do 27% e entre as/os menores de 35 anos do 52%

 Esta temporalidade que, segundo a responsábel do gabinete de Economía da CIG, era máis característica do sector privado estase estendendo a sector público, pero o sector privado tamén se está volvendo a disparar. “Rematou o ano 2017 cunha taxa de temporalidade do 27% que foi do 52% entre as/os menores de 35 anos porque practicamente todo o emprego que se creou nestes anos foi temporal e a xornada parcial”.

De feito desde o ano 2009 hai máis de 100.000 persoas menos que traballan a xornada completa e hai 26.300 persoas máis con xornadas parciais, o 90% mulleres. “Hoxe o 15% da poboación ocupada traballa a xornada parcial, con contratos de moi escasa duración e con moita rotación no emprego”, subliñou.

Máis de un millón de contratos nun ano

Natividade López chamou a atención sobre o elevadísimo número de contratos asinados, que superou o millón en 2017, dos que o 35% non chegaron á semana de duración. “Isto sen ter en conta os de duración indeterminada, que foron o 33% e que, probablemente moitos tamén estarían aquí incluídos, aínda que non o podemos constara”, sinalou Gromaz.

Este tipo de contratos de moi escasa duración foi precisamente o que máis aumentou, porque antes eran o 28%. Isto dá unha idea da enorme rotación porque ademais se reduciron os contratos de máis de un ano, que xa eran  dun cativo 0,5% e que pasaron a ser o 0,4%.

Hai un 30% de poboación cuxos ingresos non chegan ao SMI

 Este desolador panorama do mercado laboral retratado por López Gromaz, de xornadas parciais, contratos de escasa duración e sectores con salarios medios moi baixos levou a que se reduciran os ingresos da clase traballadora de forma importante e parello a iso, o peso dos salarios no PIB. “Un deterioro das condicións laborais agravado fortemente desde o ano 2012”. Tal foi así que no ano 2009, o 14% de asalariados/as tiñan uns ingresos inferiores á metade do SMI e hoxe son o 18%, catro puntos máis. Foi ademais neste grupo de asalariados/as no único no que medrou o emprego e hai un 30% da poboación cuxos ingresos non chegan ao SMI.

Aínda hoxe se manteñen 82.000 persoas desempregadas menos que en 2008 e aínda que a taxa de paro baixou dun 17 a un 15%, tamén baixou a poboación activa. Un descenso que, en todo caso López Gromaz considerou que no sería tal se se computara á xente que tivo que emigrar. “Ao mellor non estabamos falando do 15%, se cadra estabamos nun 25% ou máis”.

Reformas laborais

Para o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, esta situación é consecuencia das distintas reformas laborais impostas tanto polo PSOE, en 2010, como polo PP no ano 2012. Reformas contra as que lembrou que a CIG convocou varias folgas xerais porque sabía que tiñan como obxectivo “abaratar do despedimento, rebaixar salarios, flexibilizar as condicións laborais e facilitar as modificacións substanciais dos contratos, as inaplicacións de convenios colectivos ou os despedimentos colectivos que fixeron que as condicións laborais da clase traballadora galega empeoraran gravemente”.

A clase traballadora galega perdeu un 11% de poder adquisitivo desde o ano 2009

 Cartelle denunciou que por mor disto hoxe a clase obreira galega está máis empobrecida; o peso das rendas das persoas asalariadas descendeu no PIB en catro puntos; as traballadoras e traballadores galegos perderon un 11% de poder adquisitivo desde o ano 2009, máis elevado no caso das mulleres e da mocidade. “Máis sangrante no caso das mulleres porque a elas hai que engadirlles unha fenda salarial do 22% e no caso da mocidade porque teñen que soportar uns índices de temporalidade superiores ao 52%”, matizou.

Fronte esta situación, o secretario confederal de Emprego lembrou que a CIG, alén de promover folgas xerais e mobilizacións no día a día na rúa presentou no ano 2013 un documento con 100 medidas para a creación de emprego en Galiza que “viña demostrar que con outras políticas si que se podería ter conseguido emprego de calidade no noso país”. Propostas que tomaron forma de ILP pero que foron “pisoteadas e desouvidas” ao chegar en 2014 ao parlamento de Galiza polo PP que “unha vez máis demostrou coa súa actitude os intereses aos que responde que non son, por suposto, os da clase traballadora senón os do capital e do empresariado”.

Entre outras propostas salientou a necesidade de contar cun plan de desenvolvemento industrial que contemplara o peche dos ciclos produtivos en Galiza e que supuxera un aumento do valor engadido dos sectores básicos na nosa economía; maior investimento en obra pública, en políticas de I+D+i; unha necesaria reforma fiscal máis progresiva para que paguen máis quen máis teñen ou a creación dunha banca pública galega que realmente servise para financiar ás familias e as pequenas empresas.

Ataques o sistema de protección social e ás pensións

Xunto a isto, Cartelle denunciou que esas reformas impostas desde o ano 2010 tiñan tamén como obxectivo deteriorar o sistema de protección social, reducindo a cobertura por desemprego e a súa contía a partir do sexto mes. E denunciou especialmente que ademais “ao final da vida laboral tamén se ataca as pensións”.

As reformas imposibilitarán acceder á pensión de xubilación co 100%

 A este respecto lembrou que a CIG convocou en solitario unha folga xeral en 2011 contra o pacto que asinaron CCOO e UGT co goberno do PSOE daquela porque ampliaba o número de anos necesarios para computar e percibir unha pensión e alertou de que “todo este retrato de precariedade do mercado laboral o que leva, na práctica, é a que eses períodos de traballo se conxuguen con moitos períodos de inactividade e esa temporalidade, xunto co aumento da idade de xubilación na práctica leva a imposibilidade de que  a maioría da xente poida acceder a pensión de xubilación co 100%”.

Incidiu en que é agora candos e comezan a ver os efectos desa reforma, porque “as novas pensións empezan a decrecer de forma alarmante, cando xa de por si eran cativas e aínda o son máis no caso das mulleres, porque aquí a fenda que roza o 37%”.

Por iso reiterou que a CIG segue defendendo a necesidade de que haxa unhas pensións dignas que en ningún caso deberían ser inferiores ao SMI e incrementarse en función do IPC. Engadiu ademais que tamén “é moi negativa a reforma que se fixo en 2013 e que contestamos na rúa porque que vén a engadir un indicador de sostibilidade para o incremento das pensións, que entrará en vigor no vindeiro ano e que vai deteriorar aínda máis a súa contía”.

Así as cousas Fran Cartelle concluíu que o retrato de 2017 é consecuencia dunhas políticas económicas e laborais que “só serven para crear man de obra barata ao servizo dos intereses das grandes empresas e do capital e dunhas políticas que para nada están ao servizo da nosa clase, da clase traballadora”. Por iso considerou que “ou se cambian esas políticas ou cada ano que nos sentemos aquí  a valorar a situación do mercado laboral galego, o retrato vai ser máis gris”.