A CIG denuncia o acoso da policía nacional a un membro da Executiva Confederal
A CIG quere denunciar publicamente o acoso por parte de axentes da policía nacional a un membro da Executiva Confederal da central sindical, a quen trataron de maneira abusiva e retiveron inxustificadamente xunto ao seu vehículo. A CIG entende que o abuso sufrido por este compañeiro (moi activo na defensa dos dereitos e liberdade civís) non é casual, senón que se trata dunha persecución contra a súa persoa e o sindicato que representa.
Os feitos, que aconteceron onte e hoxe serán denunciados, tiveron lugar nas inmediacións do Hospital Clínico de Santiago, onde o sindicalista acudira a encontrarse cunha membro da Executiva Comarcal da CIG e delegada da CIG-Saúde. Ao final do encontro, achegouse ao seu vehículo e para a súa sorpresa, unha patrulla da policía nacional que pasaba naquel momento pola zona detívose de súpeto e dirixiuse a el para comunicarlle que o ían propor para sanción de tráfico.
A pesar de carecer de competencias nesta materia, os axentes insistiron en comprobar a ITV e o seguro do coche, mantendo en todo momento unha actitude soberbia e de prepotencia. Resulta rechamante que a única persoa á que se dirixiran fora ao representante da CIG cando nos arredores do hospital había ducias de vehículos en dobre fila e mesmo estacionados enriba das beirarrúas.
Dado que o sindicalista evidenciou a situación de acoso que se estaba a producir e así llo trasladou aos axentes, un deles contestou: “deja de montar numeritos...que te conozco bien!!!”. Ante esa resposta, o sindicalista informou aos axentes que ía gravar a conversa co seu móbil. Os policías responderon entón con agresividade, tirándolle o teléfono, retorcéndolle o brazo e tirándoo no chan. Ademais, retivérono á beira do seu coche de maneira inxustificada por un amplo espazo de tempo, no que rexistraron o vehículo e dedicáronse a ler documentación interna da CIG que se encontraba no mesmo.
A CIG rexeita este acoso e comportamento intimidatorio por parte da policía nacional e reclama á Subdelegación do Goberno que se abra unha investigación para depurar as responsabilidades pertinentes. O trato dado a este compañeiro constitúe un claro exemplo de abuso policial e vulneración de dereitos, intolerábel nun estado democrático de dereito.