A CIG denuncia o abandono do centro de atención a maiores de Taboadela
A federación de Administración da CIG de Ourense denuncia a situación de “abandono total” na que se atopa o centro de atención a persoas maiores de Taboadela e reclámalle ao Concello que se faga cargo das instalacións e procede a limpar a maleza dos arredores para evitar a presenza de serpes.
Dende a central critican que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tampouco se preocupe polo estado do centro a pesar de que as consecuencias do abandono repercuten nos usuarios/as e nos traballadores/as, "xa que os arredores están cheos dunha maleza que fai que teñamos que convivir con serpes”. De feito, xa se avistaron varios exemplares de tamaño considerábel, polo que se chamou o centro de control de plagas (Cosapla) e o Seprona, “que recoñeceron a necesidade de cortar a maleza”.
Tras isto, a dirección do centro puxo en coñecemento desta situación ao responsábel da limpeza da finca, que non é outro que o Goberno local, do PP, “pero néganse a facerse cargo, saltándose a orde que teñen os Concellos por parte da Xunta de proceder á limpeza das fincas situadas a carón das vivendas”.
Diante disto, dende a CIG reclaman que ámbalas dúas institucións “deixen de pasarse a pelota” e acondicionen os arredores do centro “para que os nosos maiores poidan gozar dos seus paseos sen que supoñan un risco para a súa saúde”.