A CIG denuncia no Comité Europeo de Dereitos Sociais que o Estado español incumpre a Carta Social Europea
O Estado español remite periodicamente ao Comité Europeo de Dereitos Sociais un informe para dar conta do cumprimento da Carta Social Europea en diferentes cuestións. Respecto do referido ao ano 2015 a CIG aprecia importantes incumprimentos en materia de condicións de traballo dignas e de dereitos sociais e así o fixo constar nas alegacións que presentou ao texto no organismo europeo.
Normas de seguridade e saúde de accidentes e enfermidades ocupacionais
A central sindical considera que a situación do Estado español non está en conformidade co artigo 3§2 sobre a aplicación das normas de seguridade e saúde de accidentes e enfermidades ocupacionais e mesmo cualifica como “desalentador” o Informe remitido polo Estado español sobre accidentes graves e mortais.
As últimas estatísticas sobre accidentes no lugar de traballo indican que aumentaron un 12,3% en 2015 –con 529.000 accidentes, incluídas 629 mortes- en relación con 2012. Os datos dispoñíbeis para os primeiros seis meses de 2016 confirman esta preocupante tendencia á alza. Un incremento que a CIG atribúe á precariedade laboral consecuencia das reformas legais do Goberno que incrementaron os contratos de tempo fixo e de tempo parcial e que derivaron nun deterioro da saúde e das condicións de traballo.
En concreto, a central sindical afirma que “dunha banda a carga de traballo aumenta; doutra banda, durante a crise as empresas priorizaron outras cousas e a prevención converteuse nunha consideración secundaria. O medo a perder o seu traballo fai que os traballadores/as acepten peores condicións de traballo”.
57% de accidentes laborais en mulleres
Ademais, case un 57% dos accidentes no camiño cara a, ou desde, o traballo afectan a mulleres. A CIG atribúe este incremento a que as mulleres traballan a tempo parcial máis que os homes, teñen que combinar dous traballos e, ademais diso, son responsábeis do groso das tarefas domésticas e familiares en contraste cos homes. Unhas taxas que superan a media doutros países da UE durante o período considerado (2012-2015).
Actividades da Inspección de Traballo
O Comité Europeo de Dereitos Sociais solicitara, na súa conclusión de 2009, que se indicaran os cambios no sistema de inspección durante o período de referencia, dado que o presentado daquela non proporcionaba nova información sobre a estrutura, as atribucións, o persoal empregado, nin o número de inspeccións levadas a cabo polos departamentos de inspección.
Nas súas alegacións a CIG subliña que contrariamente á promesa do goberno de reforzar o persoal da Inspección de Traballo e Seguridade Social na súa loita contra a fraude con 70 incorporacións en 2016, ese ano pechouse con só dous inspectores máis en comparación con 2015: 813 fronte 811 e mesmo en 10 comunidades autónomas diminuíu o seu número.
Para a CIG estas cifras “mostran que o goberno non só incumpriu o seu compromiso de aumentar o número de inspectores, senón que tamén, se contamos aso inspectores pertencentes ás inspeccións autonómicas de Catalunya e o Comunidade Autónoma Vasca, estes diminuíron en cinco: de 948 en 2015 a 943 na actualidade”.
O Goberno español prometeu ademais que aumentaría o número de inspectores/as e subinspectores/as para reforzar "a loita contra a fraude no emprego e a seguridade social e actuar na prevención de riscos laborais". En concreto, dixo que habería 22 novas incorporacións para desenvolver inspeccións en 2015, 70 en 2016 e 85 en 2017.
Taxa de reposición
Xunto a isto denuncia que o Goberno tampouco está cumprindo coa taxa de reposición e o persoal está cada vez máis envellecido e con exceso de traballo. O Estado español está lonxe das proporcións/ratios doutros países europeos, cun inspector/a por cada 15.000 empregados, mentres que na Unión Europea hai un inspector/a por cada 7300 traballadores/as.
Para a central sindical é absolutamente necesario aumentar o número de empregados/as e alcanzar a media europea, para permitir que a Inspección leve a cabo as súas obrigas legais, con especial atención á seguridade e a saúde no traballo, nun contexto de incremento dos accidentes no traballo, en cumprimento dos convenios colectivos.
Por iso reclama un enfoque no que a prevención sexa unha prioridade xa que “lonxe de buscar exclusivamente a redución de accidentes laborais, cremos que deben adoptar unha perspectiva máis ambiciosa, tamén orientada a mellorar as regulacións sobre enfermidades ocupacionais, actualizando unha lista hoxe superada polo avance polo avance da ciencia e que mantén ocultas ou sub-rexistradas moitas patoloxías cunha etioloxía laboral clara”.
A CIG considera ademais que “a externalización da xestión e a excesiva burocratización levaron a unha experiencia ineficaz e unha interpretación errónea dos obxectivos establecidos na lei de Prevención de 1995”.
Denegación de acceso á asistencia sanitaria a estranxeiros/as
En 2014 o Comité Europeo de Dereitos Sociais lembrou que o dereito de acceso á atención da saúde exixe que non haxa demoras no acceso á prestación e constatou que se denega ese acceso a estranxeiros/as que se atopen en situación irregular agás en “situacións especiais”: urxencia resultante dunha enfermidade grave ou accidente ou coidado de mulleres embarazadas, tanto prenatais como postnatais e estranxeiros menores de 18 anos. Unha denegación que o propio Comité considerou contraria ao Artigo 11 da Carta.
Malia isto, a CIG denuncia que esta situación de incumprimento, lonxe de cambiar, agravouse no período examinado debido á sentenza de xullo de 2016 do TC que validou o groso da constitucionalidade do RD que declara que está en conformidade coa Carta Social. Validación que leva á central sindical a concluír que se incumpre o artigo 11.
Prestación por desemprego
Para a CIG o Estado español tamén incumpre a Carta Social Europea en materia tanto de prestación prestación por desemprego como por enfermidade. O Comité xa observara, nas súas conclusións anteriores que esta era inaxeitada. Malia isto, a situación non mudou, xa que o IPREM segue sendo a base utilizada para calcular os niveis mínimos de beneficios e calquera pago.
De feito, en 2015, o 50% dos ingresos anuais medios de Eurostat situábanse en 8.063,5€, mentres que o IPREM foi, ese ano, de 6.390,1€.
Dereito a igualdade de trato no acceso á Seguridade Social
Xunto a isto, a CIG denuncia incumprimentos en materia de acceso á Seguridade Social das persoas que se trasladan doutros Estados ao Estado español porque non se garante a igualdade de trato nesta materia respecto dos demais estados partes, como tampouco se garante respecto do acceso aos subsidios familiares nin a unha pensión de xubilación, porque se establece un requisito de residencia de 10 anos para poder acceder a unha non contributiva. Requisito que foi mesmo considerado excesivo polo Comité.
Asistencia social e médica
O Comité tamén chamou a atención ao Estado español por incumprir coa Carta Social Europea nesta materia. Porén, aquelas cuestións que se consideraba que tiñan que ser corrixidas persisten. Tal é así no referido ao dereito para acceder ao ingreso mínimo, que está suxeito a un requisito de duración da residencia establecido na maioría das comunidades en 10 anos e que o propio Goberno recoñeceu que se mantén.
O mesmo ocorre no referido ao dereito de acceso a uns ingresos mínimos, que está suxeito, na maioría das comunidades, a un requisito de idade mínima, que se fixa nos 25 anos. Ademais este ingreso mínimo non se paga mentres persista a necesidade senón que ten como límite de duración, polo xeral, os 12 meses.
Tamén se incumpre no referido ao nivel de asistencia social, xa que o que se paga a unha soa persoa é “manifestamente inadecuado” agás nos casos da Comunidade Autónoma Vasca e Nafarroa.
Servizos sociais
Nas súas conclusións de 2014 o Comité advertiu que no Estado español non se estableceran medios para controlar as accións das organizacións non gobernamentais e outro provedores de servizos non públicos nin existe un acceso igual e efectivo aos servizos sociais prestados por organizacións non gobernamentais e outros provedores de servizos non públicos.
O informe presentado polo Estado español non recolle información sobre estas cuestións, polo que a CIG entende que segue sen estar en conformidade co establecido na carta.
Dereito das persoas de idade á protección social
Tampouco neste caso o Estado español se axusta á carta e así o advertiu o Comité, porque non se estableceu que exista lexislación que protexa ás persoas maiores discriminadas por motivos de idade.
A central sindical considera que non se pode pasar por alto, ademais, que a Lei 39/2006 sobre a promoción da autonomía persoal e a atención a persoas dependentes “non serviu para satisfacer as necesidades de atención (ou asistencia) a longo prazo para as nosas persoas maiores”. A este respecto denuncia ademais que o seu cumprimento suspendeuse sine die polo requisito de cumprir os obxectivos do déficit público e que “isto non encaixa co propio Comité Europeo de Dereitos Sociais, que insiste en que a crise económica non pode servir de pretexto para unha restrición ou denegación que afecte á verdadeira esencia dos dereitos de asistencia”.
Ademais, abondando nesta cuestión, a CIG denuncia que tampouco houbo unha resposta axeitada a preguntas formuladas polo Comité no referido a nivel de información sobre todos os beneficios/subsidios adicionais aos que tería dereito un beneficiario. “A pensión non contributiva en 2015 foi dun mínimo de 91,73€ e un máximo de 366,90€ distribuídos en 14 pagos mensuais por ano” sinala e conclúe que “estas cifras non garanten os recursos adecuados para unha vida digna”.
Do mesmo xeito tampouco se aportou información sobre a existencia de maltrato a persoas maiores, nin sobre o alcance do problema, nin sobre se se tomaron ou se prevén medidas lexislativas ou doutro tipo neste ámbito.