A CIG denuncia na Inspección os graves incumprimentos de JEVASO en materia laboral e de seguridade
A CIG presentou varias denuncias diante da Inspección de Traballo polos graves incumprimentos da lexislación tanto en materia laboral como de seguridade e saúde que se están a rexistrar en JEVASO. Dada a gravidade da situación, a central non descarta elevar as denuncias tamén á Fiscalía para que actúe con toda a contundencia.
No relativo á xornada laboral, a empresa non respecta os 15 minutos de descanso regulados no convenio colectivo, prohíbelle ao persoal ir ao baño en determinadas horas e non lles permite ter consigo os seus teléfonos móbiles, ao punto de confiscarllos.
En materia de seguridade e saúde laboral, JEVASO incumpre toda a normativa de aplicación: carece dun plan de prevención actualizado e as saídas de emerxencia ou ben non existen ou ben están tapadas con materiais diversos; as vías para acceder ás saídas de emerxencia a miúdo están obstruídas con caixas e outro tipo de elementos; e os extintores non están sinalizados ou teñen elementos diante que ocultan a súa visibilidade e acceso.
"De ocasionarse un risco ou un incendio, os traballadores e traballadoras poden ver seriamente comprometida a súa seguridade ao atopar as saídas de emerxencia atrancadas", alerta o secretario da FGAMT-CIG da Coruña, Manuel Camiño. Neste senso, engade que o persoal nin sequera coñece como debe actuar ante unha emerxencia porque a empresa "nin realizou nin dispón dun plan de actualizado e non ten estabelecido que persoas son as responsábeis no caso de que se produza unha emerxencia".
Mouzo apunta tamén ás eivas nalgunhas das furgonetas que utiliza o persoal, que non están acondicionadas para o transporte de determinadas mercadorías e presentan numerosos fallos que comprometen a seguridade de condutores/as e viandantes. Incluso a auga das instalacións que emprega o persoal tanto para o aseo como para beber presenta unha cor pardenta que indica que ou non está filtrada ou ben non é potábel, "mais en ningún caso existen indicativos da potabilidade da auga".
A isto hai que sumar que os traballadores e traballadoras teñen que soportar ritmos de traballo elevados e repetitivos "que os mandos incrementan mediante presións psicolóxicas e con berros"; e deben manipular cargas moi pesadas que chegan até os 40kg por persoa, sen axuda mecánica.
"En JEVASO as e os traballadores teñen unhas condicións laborais precarias e con falla das medidas de seguridade máis elementais", denuncia Camiño. Por iso, xa avanza que, no caso de que a Inspección de Traballo non actúe "nun espazo breve de tempo e requira á empresa en materia de seguridade e saúde laboral, estudaremos levar estes graves incumprimentos a outras instancias, como a Fiscalía".
Lembra que JEVASO é unha empresa de grandes dimensións que só nas instalacións do Polígono de Sabón conta cun cadro de persoal superior ás 600 persoas e outras 400 máis contratas por ETT.
Concentración o próximo venres
Por outra banda, lembrar que, dentro do calendario de mobilizacións acordado polo comité, o próximo venres, 25 de novembro, os traballadores e as traballadoras volveranse concentrar diante das instalacións de JEVASO no Polígono de Sabón (Avda. do Embalse 87) para denunciar a precariedade laboral e reclamar condicións laborais dignas. A protesta desenvolverase de 13h a 15horas, coincidindo co cambio de quenda.