A CIG denuncia na Inspección de Traballo a negativa de Servizos Urbanos Municipais de Arteixo a negociar as condicións laborais
O sector da Administración Local da CIG-Administracións Públicas da Coruña vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo ante da nula vontade da empresa pública Servizos Urbanos Municipais de Arteixo (SUMARTE S.A.) para a convocatoria dunha mesa xeral de negociación para tratar cuestións laborais tales como a xornada laboral do persoal do Servizo de Augas de Arteixo.
Este persoal foi integrado no ano 2022 en SUMARTE procedente do Concello de Arteixo e, polo tanto, as condicións laborais que teñen son as derivadas do Convenio do Persoal Laboral do Concello de Arteixo (horario, dispoñibilidade, fondo social…).
A CIG ten coñecemento de incumprimentos reiterados en materia laboral dende a integración do persoal nesta empresa pública e, por tal motivo, solicitou en dúas ocasións a través da sede electrónica a convocatoria dunha mesa xeral de negociación (no mes de xullo e no mes de setembro) "sen que até o día de hoxe a xerencia desta empresa teña respondido á mesma".
A creación de SUMARTE xustificouse no seu momento como consecuencia da complexidade da xestión directa do Servizo da Auga, tendo conta o aumento significativo de poboación e industrial en Arteixo, e como unha mellora deste. Porén, "os incumprimentos en materia laboral dos que esta central sindical ten coñecemento amosan as eivas que esta xestión están a supor para a veciñanza de Arteixo", denuncia a CIG-Administración.