A CIG denuncia na Fiscalía o dono dunha franquía de McDonald's por persecución sindical, lesións, coaccións e ameazas
A CIG presentou este venres unha denuncia na Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense contra Esteban Jesús Cuesta Martín, administrador único da empresa Dama Ourense -franquía de McDonald's- por presuntos delitos de lesións, contra a integridade moral e atentado contra a liberdade sindical, tipificado este último no artigo 315 do Código Penal con penas de prisión.
O encargado de presentar a denuncia foi o propio secretario comarcal do sindicato, Anxo Pérez Carballo, que estivo acompañado pola secretaria das Mulleres da CIG-Ourense, Xulia González Pascual.
Os motivos son as coaccións, ameazas, agresións e abuso de autoridade “exercidas brutalmente por este autodenominado empresario, feitos que tiveron o seu maior apoxeo no proceso de eleccións sindicais levado a cabo na empresa recentemente e no que a CIG logrou dous dos tres delegados/as de persoal que se escollían”.
Segundo figura no escrito de denuncia, o propietario de Dama Ourense, nada máis chegarlle a notificación de que se iniciaba o proceso electoral, comezou a coaccionar de xeito individual aos case 40 empregados/as que desenvolven o seu labor no centro de traballo situado na zona do Fonsillón para que lle dixesen quenes se ían presentar na candidatura da central.
E mesmo chegando a afirmar, tal e como se aprecia nas gravacións aportadas, que non quere que a CIG teña representación, ademais de advertirlles aos traballadores/as que <<no le van a tocar los cojones>>. Ao mesmo tempo, nestes encontros individuais tamén intenta lograr candidatos/as para promover unha lista “independente”, facendo referencias expresas ás datas de extinción dos contratos.
Estas mesmas ideas foron expresadas publicamente polo empresario diante de todo o cadro de persoal nunha xuntanza celebrada o pasado 31 de marzo, “reunión convocada por el mesmo e con asistencia obrigada pese a carecer de contido laboral stricto sensu e pagada pola empresa como horas extra”.
Actitude máis agresiva
Estas actuacións foron aínda máis alá cando recibe un burofax no que a central lle comunica os nomes das persoas que integran a súa candidatura. “Pasou de lembrar nas conversas as datas de finalización de contratos, supostos favores pasados, promesas de contratación de familiares ou adecuacións horarias para a conciliación, a actuacións de pura coerción física, chegando a encararse fisicamente en actitude agresiva con algúns empregados/as e mesmo cruzándolle o coche na estrada a unha traballadora”.
Ao mesmo tempo, mantén os interrogatorios persoa por persoa, nos que manifesta o seu interese en evitar unha representación sindical que el considera lesiva para os seus intereses e chega a preguntarlle a unha das candidatas da CIG por que non se presenta por CCOO, como tamén figura nunha das gravacións aportadas na denuncia. “A outra traballadora acurralouna no cuarto de persoal, e a outra máis manifestoulle que si saía elixida delegada de persoal <<la iba a crujir>>”.
Tempo despois volveunas intimidar fisicamente, chegando a agarrar polos brazos a unha delas e posteriormente berrándolle instrucións de xeito intimidatorio. Como consecuencia desta situación sostida no tempo, estas dúas traballadoras están en situación de incapacidade temporal por ansiedade e depresión. Outros dous empregados atópanse na mesma situación de baixa laboral por iguais motivos.