Explotación laboral, fenda salarial e vulneración do dereito de conciliación nunha concesionaria do 061
A FGAMT-CIG denuncia as condicións de explotación laboral, fenda salarial e vulneración do dereito a conciliar a vida laboral e persoal que padecen as mulleres que traballan con contratos eventuais para Ambulancias do Atlántico-Grupo Orthem, unha das concesionarias do servizo de transporte sanitario urxente do 061. A empresa vén de ser sancionada pola Inspección de Traballo por contratar a unha traballadora para o centro de traballo de Cangas sen dala de alta na Seguridade Social, e a central sindical tamén denunciou diante da autoridade laboral outra contratación en fraude de lei.
A política de contratación de Ambulancias do Atlántico está a provocar un aumento das desigualdades entre o cadro de persoal, e unha vez máis son as mulleres as que saen prexudicadas. De feito, son os homes, na súa inmensa maioría, os que teñen contratos indefinidos con categorías salariais superiores, e as mulleres son as contratadas eventualmente, en ocasións de xeito irregular e en fraude de lei.
Até o punto de que a autoridade laboral sancionou a empresa tras as denuncias presentadas polos representantes sindicais da CIG por ter contratado a unha traballadora sen estar dada de alta na Seguridade Social, en concreto entre os días 1 e 7 de novembro de 2019. Ademais, a autoridade laboral procedeu a dar de alta de oficio a afectada. A primeira destas denuncias remóntase a marzo de 2020, e fixeron falta dúas máis (unha en maio e outra en novembro dese ano) ante a falta de resposta da Inspección.
Ao mesmo tempo, varias destas traballadoras eventuais denunciaron que non se lles permitiu participar no proceso selectivo para a adxudicación de parazas vacantes na empresa, “a unha dicíndolle directamente que non podía presentarse e a outra que xa rematara o prazo de presentación de solicitudes pese a que este nin tan sequera foi publicado”.
Foi a raíz dunha nova denuncia da CIG que a Inspección emitiu outra resolución na que considera probado que o procedemento de adxudicación de prazas vacantes fíxose de forma irregular sen permitir a participación da representación legal das traballadoras/es, xa que a dirección tería escollido a dedo a praza vacante sen informar tan sequera de cal era o criterio dos méritos a ter en conta.
Contrato en fraude de lei
Ao mesmo tempo, a central sindical presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo na que aporta documentación que demostra que a outra traballadora se lle realizou un contrato en fraude de lei. Nesta ocasión, obrigándoa a incorporarse a un posto diferente ao que lle correspondería pola interinidade na que estaba contratada co único obxectivo de aforrar os cartos de substituír a un traballador de categoría superior. “Segundo consta na documentación, contrataron a traballadora cunha categoría inferior do traballador a quen substituía para pagarlle menos”.
Segundo consta na documentación, contrataron a traballadora cunha categoría inferior do traballador a quen substituía para pagarlle menos
Dende a FGAMT-CIG denuncian a política de Ambulancias do Atlántico de incorporar mulleres ao seu cadro de persoal facendo contratos de eventualidade, o que afonda na súa explotación laboral, véndose obrigadas a facer quendas de traballo a maiores, avisándoas con menos de 24 horas de antelación sen respectar o seu horario laboral, impedindo a conciliación da súa vida laboral e persoal. “Pese a que as quendas a maiores teñen carácter voluntario, a estas traballadoras con contratos de curta duración obrígaselles a facelas baixo a ameaza de non renovarlles os contratos”.
En consecuencia, a fenda salarial na empresa non deixa de medrar. No 061 da área de Vigo Cangas e Moaña, por exemplo, os homes con categoría profesional máis alta e con contratos indefinidos representan a inmensa maioría fronte ás mulleres en contratos eventuais coa categoría profesional máis baixa, o que alonga a fenda salarial e incrementa a dificultade de conciliación. “A estas mulleres tampouco se lles permite acumular antigüidade, polo que os seus salarios son aínda máis reducidos”, rematan.