A CIG denuncia as prácticas da Mutua Fraternidad Muprespa coas traballadoras de Zara da provincia da Coruña
A representación da CIG no comité de Zara España na provincia da Coruña ten convocada unha concentración para o vindeiro mércores 7 de maio, ás 11:30h, diante da sede de Mutua Fraternidad Muprespa, situada na rúa José Pascual López-Cortón, 2 (Torre Helios). Coa protesta, quérese trasladar á dirección de Zara e á dirección da mutua o rexeitamento ás prácticas que a mutua está a levar a cabo coas traballadoras das tendas, ademais de instar as persoas responsábeis da entidade e da empresa a manter unha xuntanza para tratar esta cuestión.
Estas prácticas concrétanse na denegación constante, por parte dos servizos médicos da mutua, na determinación das incapacidades temporais como de orixe profesional, remitindo as traballadoras e traballadores, con carácter rutinario e sen motivación, ao SERGAS. Ademais denuncian o trato despectivo que ten algún facultativo na atención dalgunhas traballadoras.
A presidenta do comité, Carminha Naveiro, sinala que esta situación non se dá en casos illados, senón que se trata dunha práctica habitual "e non se pode permitir que a mutua aforre e gañe cartos a conta da saúde das traballadoras das tendas de Zara España SA".