A CIG denuncia as manobras de Ambulancias Sil para deixar de aplicar o convenio colectivo

A empresa concesionaria do 061 e do transporte sanitario non urxente en cinco localidades ourensás xa incumpría o prego de condicións do servizo
Ourense - 04 Abr 2025

A FGAMT-CIG de Ourense denuncia as manobras da empresa Ambulancias Sil, concesionaria do 061 e do transporte sanitario non urxente no Barco, Verín, Viana, Trives e A Gudiña, para deixar de aplicar o convenio colectivo. E rexeita que a compañía, que xa incumpría os pregos de condicións do concurso en canto ás condicións laborais, pretenda agora regularizar deste xeito unha situación anómala como o non abono de conceptos salariais recollidos en convenio. De feito, a CIG leva tempo reclamando o pago destes conceptos, mesmo por vía xudicial.

A central sindical tivo coñecemento que a día de hoxe a inaplicación unicamente se levou a cabo na base de Viana, “mais está claro que tentarán levala adiante no resto das bases da compañía para despois continuar nas da súa socia, Ambulancias do Carme”. 

É inadmisíbel que unha compañía se presente a un concurso público e incumpra sistematicamente o convenio

Diante disto, na central sindical queren deixar moi claro que farán todo o posíbel para que os plans da empresa con sede no Barco de Valdeorras non vaian adiante, ao tempo que lle trasladarán o que está a acontecer á Xunta como responsábel do servizo, ao Sergas e ao propio 061. “É inadmisíbel que unha compañía se presente a un concurso público e, unha vez acadado o contrato, incumpra sistematicamente o convenio e o propio prego de condicións”.

Ao mesmo tempo, sinalan que aínda que a lexislación permita descolgues de convenio estes teñen que estar motivados. “O artigo 11 do convenio recolle as casuísticas e o xeito de facelo, e está ben claro que Ambulancias Sil nin ten perdas, nin ten diminución de ingresos, nin nada que se lle pareza”.

Finalmente, critican que estas manobras coincidan ademais coa negociación dun novo convenio. “Aínda que é evidente que a esta empresa dálle igual que haxa ou non un novo texto, xa que vai intentar facer o que lle pete, aínda que para conseguilo teña que presionar as persoas traballadoras”. Por iso dende a CIG consideran fundamental que o persoal de Ambulancias Sil non asine o documento da empresa e que se poña en contacto coa central sindical.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.