A CIG denuncia as consecuencias do ERE no BBVA: despedimentos e traslados forzosos e precarización laboral
Despedimentos forzosos, traslados forzosos de centro de traballo a centos de quilómetros, cambios forzosos de departamento con modificación das condición laborais e sobrecarga de traballo polo peche de oficinas e a falta de persoal, son algunhas das consecuencias que está a ter a aplicación do ERE do BBVA que, lonxe da propaganda da entidade e dos sindicatos que lle asinaron o acordo, non é en absoluto un proceso voluntario.
Nas últimas semanas, explica a sección sindical da CIG, pecháronse os prazos de adscrición ás baixas no ERE no BBVA, o primeiro despedimento colectivo no sector bancario español que non veu motivado por unha fusión. Un proceso, como xa advertira a central nacionalista, traumático e forzoso para miles de traballadores e traballadoras, no que se están a producir todas as casuísticas que a empresa e os sindicatos asinantes afirmaron que non se darían.
E iso, a pesar de que as solicitudes de saídas foron moi superiores ás ofertadas polo banco, un feito que para a CIG é claro indicativo do enorme malestar e da inquedanza do persoal polo seu futuro no caso de seguir activo na empresa.
Agora a realidade no BBVA son os despedimentos forzosos, os traslados forzosos a centos de quilómetros dos domicilios das persoas afectadas ou as adscricións forzosas a postos de CSE (atención en remoto á clientela) e Task-Force (un 'equipo de substitucións', con mobilidade absoluta dentro de cada provincia) que levan implícitas unha modificación das condicións de traballo.
"Mesmo houbo compañeiras e compañeiros que se viron forzados a aceptar un traslado ao recibir unha carta (un venres), á que debían dar resposta no prazo inapelable de 48 horas baixo ameaza de que, se non contestaban, se entendía a conformidade co traslado", denuncia Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG no BBVA.
Sobrecarga de traballo nas oficinas que fican abertas
No caso de Galiza, os postos afectados con extinción de contratos foron principalmente as persoas que estaban no servizo de atención de caixa (actualmente cuberto por persoal de ETT), xestores/as de atención á clientela (con asignación forzosa a CSE e Task-Force) e directores/as de oficinas. "Chama poderosamente a atención que directores e directoras con menos de 50 anos pidan a saída voluntaria para quedar no desemprego", valora Fernández.
A isto engádese a brutal carga de traballo á que está sometido o persoal que queda ao ter que atender a clientela que procede de oficinas que pechan e tamén porque o banco non está cubrindo as ausencias do persoal que vai de vacacións. "Todo isto, subliña Fernández, leva a un aumento das baixas por estrés e ansiedade, que á súa vez, tampouco se substitúen".
A sección sindical da CIG reitera a falta de motivación deste ERE "pois se sobraba persoal, o BBVA podía ter comprometido un proceso de prexubilacións voluntario, pero o banco tiña outros plans e houbo quen lle asinou un cheque en branco". Un plan de peches de oficinas, destrución de emprego e precarización facilitado por unha reforma laboral que o goberno de coalición mantén plenamente vixente a pesar dos seus compromisos para derrogala.
Hipocrisía da cúpula directiva
Neste contexto, a CIG critica a hipocrisía do conselleiro delegado do BBVA, Onur Genç, ao emitir comunicados nos que fala dun "proxecto ilusionante" e afirmando non ter palabras de agradecemento para o persoal afectado pola reestruturación pola súa enorme contribución ao crecemento da entidade. "Velaí o agradecemento da entidade para ese persoal que construíu o banco, que soportou o descrédito pola mala xestión do Consello de Administración, unha pandemia e milleiros de horas de dedicación. Palmada nas costas e adeus moi boas!", lamentan.
A sección sindical da CIG non deixará de denunciar as tremendas consecuencias dun acordo que tiña por bandeira a “voluntariedade”, pero que resulta todo o contrario e reafirma a vontade de seguir loitando na rúa por cada posto de traballo".