Denuncia ás auxiliares de Navantia que se desfixeron do persoal eventual para non incluílo nos ERTEs a causa do COVID19
A CIG-Industria de Ferrol vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo contra un grupo de empresas auxiliares de Navantia (Kaefer Aislamientos, Calsomatu, Norinver Montajes e Ingeniería, Tubacer, Indasa ou Quirón Prevención), que optaron por despedir o seu persoal eventual alegando "fin de obra", tras Navantia comunicar a suspensión dos contratos e das obras en marcha a causa da emerxencia sanitaria. A CIG-Industria aclara que tal fin de obra non existe, xa que estamos ante unha suspensión temporal da execución dos traballos que se retomarán cando remate o contexto actual.
Para a central sindical, nesta decisión patronal existe unha vontade inequívoca de deixar a este colectivo de traballadores e traballadoras fóra do alcance de aplicación da medidas establecidas nos sucesivos decretos aprobados a causa da pandemia do coronavirus, provocándolles un grave prexuízo económico, e un agravio comparativo, respecto do dereito e o consumo das prestacións por desemprego.
A Federación da CIG lembra que de maneira reiterada no sector de siderometal se incumpren os mínimos de contratación indefinida establecidos no convenio colectivo, producíndose un abuso da eventualidade, "actuando en evidente fraude de lei, co obxectivo de aproveitarse da precarización e vulnerabilidade que por esta vía xeran as propias empresas". A este respecto, afirman que a eventualidade "é un castigo" á clase traballadora con consecuencias evidentes ante situacións como a actual.
Por iso, solicitan da Inspección de Traballo que investigue estas actuacións, se sancione ás empresas e se lles obrigue a axustarse a dereito, deixando sen efecto os despedimentos.
Insuficiencia das medidas aprobadas
Por último, subliñar CIG vén denunciando a insuficiencia das medidas económicas aprobadas até o de agora polo Goberno español que xeran inxustizas como que o persoal eventual ou de ETT non poida sequera acceder a elas, e por iso demanda que, en base ao artigo 37.3 do ET, se facilite ás traballadoras e aos traballadores un permiso retribuído ante o deber inescusábel de quedar na casa ao coidado das persoas maiores e menores e de cumprimento do confinamento obrigado.
E de igual xeito, que se poña en marcha un plan de choque social ante a caída xeneralizada dos ingresos nas familias e o retraso no cobro dos salarios e das prestacións por desemprego que, con toda seguridade, se van producir.