Denuncian na Inspección o mal estado no que se atopa o local do Fogasa en Vigo
A CIG-Administración denunciou diante da Inspección de Traballo as numerosas deficiencias atopadas no local do Fogasa en Vigo ao entender que supoñen un grave incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais. A central, que reclama o traslado inmediato a unhas novas dependencias, xa denunciara con anterioridade o estado no que se atopan as oficinas do SEPE en Cangas e Ponteareas.
A federación de Administración da CIG vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo tras comprobar as numerosas deficiencias existentes nas dependencias do Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) de Vigo, xa que ao seu entender supoñen un grave incumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais.
Representantes da central na Administración Xeral do Estado elaboraron un informe tras visitar o local do Fogasa, situado na rúa Venezuela, no que se recollen as principais eivas detectadas, que van dende problemas nas escaleiras, na iluminación e no tamaño das dependencias até a falta de vestiarios e aseos. Tamén puxeron de manifesto a ausencia dun plan de emerxencias, así como a falta de sinalización dos extintores e do percorrido de evacuación no caso de incendio.
Así, xunto coa denuncia achegaron este informe cos incumprimentos máis salientábeis “sen que o Fogasa, a Subdelegación do Goberno e o Comité de Prevención de Riscos Psicosociais de Pontevedra teñan feito nada, até o punto de que nin sequera nos contestaron por escrito”.
Traslado inmediato a un novo local
Na CIG entenden que as dependencias do Fogasa non son aptas para acoller un centro de traballo e reclaman o seu traslado na maior brevidade posíbel ao un local que cumpra a lexislación de prevención de riscos laborais e de accesibilidade dunha oficina con atención ao público.
Dende a central lembran que con anterioridade xa presentaran denuncia na Inspección polo estado das oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) en Cangas e Ponteareas, que na súa opinión tamén incumpren a normativa de prevención de riscos laborais. “Tras o requerimento da autoridade laboral as cousas siguen do mesmo xeito, sen que nin a Xunta nin o SEPE fagan nada ao respecto”, critican.
Neste senso, consideran que é canto menos curioso que sexan precisamente organismos dependentes do Ministerio de Emprego e da Seguridade Social os que non cumpran a normativa en materia de saúde laboral.