A CIG denuncia a vulneración de dereitos fundamentais ante a sentenza do TSXG
O TSXG vén de desestimar o recurso contencioso administrativo interposto pola CIG contra a resolución da subdelegación do Goberno de Pontevedra pola que se denegaba o dereito a manifestarse este venres, día 1 de outubro, das 10:00 ás 14:00 horas, coincidindo coa celebración da última xornada do III Foro da Toxa.
A mobilización estaba convocada para denunciar ante os seus responsables a estafa dos prezos da enerxía eléctrica, que mañá alcanzará o escandaloso prezo de 216€/MWh; o peche de oficinas bancarias, que a Xunta financia con subvencións a caixeiros, e a grave crise económica, industrial e laboral que padece Galiza.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifesta a súa indignación ante esta decisión, máis cando o Ministerio Fiscal dá a razón á central sindical indicando que “en lugar de prohibir a concentración” deberíanse ter establecido “medidas restritivas que permitiran a compatibilidade do dereito de manifestación coa seguridade e a orde…”
Sentenza baseada nun dato falso
Carril denuncia ademais que para chegar a este fallo o TSXG baséase nun dato falso: a presuposición de que a central sindical coñecía o informe da policía local do Grove. A sentenza sinala que, nese informe, a policial local alude a que a zona recomendada puidera ser dentro da propia illa da Toxa, no Paseo do Mar, e afirma que “coñecido o devandito informe pola organización sindical actora desde un primeiro momento, tivo a CIG a oportunidade de propoñer/aceitar o itinerario alternativo proposto no citado informe e, porén, non efectuou manifestación algunha nin no escrito reitor do procedemento, nin no escrito de alegacións posteriormente incorporado ás actuacións”.
Fronte a isto, o secretario xeral da CIG afirma que “en ningún momento se nos deu a oportunidade de cambiar o itinerario. O TSXG dá por feito que nós tiñamos o informe da policía local, pero as únicas comunicacións que recibiu esta central sindical foron as da Subdelegación do Goberno de Pontevedra denegando o dereito a manifestarnos sempre, en ningún caso dando opción a mudar o percorrido”.
Paulo Carril conclúe cualificando a decisión do tribunal como “desproporcionada”, denuncia a “vulneración de dereitos fundamentais” e considera que “se prioriza o ánimo de reprimir, como aconteceu na concentración pacífica convocada onte pola Mesa pola Normalización Lingüística”.
O secretario xeral da CIG reitera ademais a denuncia de que se “deneguen mobilizacións da clase traballadora e que, porén, se autoricen manifestacións nazis, racistas e homófobas”.
O Foro da Toxa
O III Foro da Toxa, presidido polo exministro de Aznar, Josep Piqué, ten previsto desenvolver, na xornada de clausura que se celebrará mañá, dúas ponencias. Unha na que, baixo o título “Os protagonistas da recuperación”, estará o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, entidade á que a Xunta de Galiza subvenciona a instalación de caixeiros, mentres pecha oficinas, despide persoal e deixa sen atención financeira a miles de persoas no rural galego.
E outra na que, baixo o título de “O compromiso ambiental. Un reto urxente”, participará o Presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, unha das multinacionais responsable da alza imparable dos prezos da electricidade e do espolio dos nosos recursos naturais.
A central sindical chama a participar masivamente nas mobilizacións que ten convocadas para o domingo día 3 de outubro en cidades e vilas galegas contra a estafa da luz e para denunciar tamén a impunidade de quen están perpetrando esta estafa.