A CIG denuncia a situación na que se atopan os tripulantes dun barco galego confinado no Brasil cun gromo de covid

Reclámalle ao Goberno central e á Xunta que actúen de inmediato e que se informe ás familias
Vigo - 05 Feb 2021

A CIG denunciou hoxe publicamente a situación na que se atopan os tripulantes do arrastreiro Venturer, con base no Porto de Vigo, que permanecen confinados no Brasil tras detectarse un gromo de covid a bordo. Dende a central reclámanlle aos Gobernos español e galego que actúen de inmediato para garantir unha atención axeitada aos afectados e que se informe ás familias do seu estado.

Segundo explica o responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, a embarcación partiu do Porto de Vigo o pasado 14 de xaneiro con 64 persoas a bordo para faenar no caladoiro das Malvinas tras facer as pertinentes probas de detección do novo coronavirus e pasar unha semana de corentena dun hotel da cidade. De feito, algúns dos tripulantes tiveron que quedar en terra tras dar positivo. 

Aboi pregúntase como é posíbel que até o de agora ningunha autoridade do Estado español nin da Xunta se interesase polos tripulantes

Arredor de 10 días despois varios dos embarcados comezaron a sentirse mal e a presentar síntomas compatíbeis coa covid, polo que o capitán do buque púxose en contacto co Centro Radio Médico de Madrid. “Como a situación empeoraba trasladáronse a Salvador de Bahía, a onde chegaron a madrugada do 28 de xaneiro, e alí permanecen fondeados sen poder desembarcar, agás cinco dos tripulantes, que foron internados en centros hospitalarios con distinta gravidade”, sinala Aboi. Porque durante a travesía até a localidade brasileira a situación foi indo a peor, até o punto de que a metade da tripulación presenta síntomas.

Diante disto, o responsábel sindical pregúntase como é posíbel que até o de agora ningunha autoridade do Estado español nin da Xunta se interesase polos tripulantes. Ademais, os afectados e as súas familias tiveron que agardar até o día de hoxe para que Pescapuerta, o grupo empresarial galego ao que pertence a embarcación, se puxese en contacto con eles. “O único que se sabía era porque algúns dos tripulantes puideron contactar cos seus achegados”.

Segundo Aboi, o normal tería sido que a empresa contactase coas Administracións para prestarlles a axuda consular necesaria. “Foron as propias familias as que tiveron que poñerse en contacto co consulado, aínda que non temos constancia de que subiran a bordo para coñecer de primeira man a situación; o que si sabemos é que contactaron cos hospitais”.

Actuación inmediata

Diante disto, dende a CIG esíxenlle aos Gobernos español e galego “que se poñan mans á obra dunha vez” para saber o que está a acontecer con estas persoas, ao tempo que instan a empresa “a deixar de ocultar información e a poñerse en contacto cos tripulantes e coas súas familias”. Neste senso, a central sindical xa se dirixiu ás Administracións española e galega para reclamarlles unha actuación inmediata neste sentido. “Son cidadáns galegos e merecen a atención dos seus Gobernos”.

Finalmente, lamentan a incerteza e a preocupación que están a vivir as familias dos afectados como consecuencia da falta de dilixencia da empresa e das Administracións implicadas e urxen os Gobernos español e galego a negociar coas autoridades brasileiras a posibilidade de que os afectados reciban en terra a atención sanitaria que precisen.