A CIG denuncia a situación laboral das traballadoras da limpeza do CEIP Insua Bermúdez de Vilalba
As traballadoras do servizo de limpeza do CEIP Insua Bermúdez de Vilalba levan meses vivindo unha situación laboral insostíbel por mor do impago dos seus salarios e o pasotismo absoluto do goberno municipal ante este incumprimento. Por se non fose abondo, a isto hai que engadir agora a non subrogación dunha das traballadoras pola nova adxudicataria, TRAGSA, polo que a CIG pide a inmediata actuación do Concello para regularizar a situación laboral neste servizo.
As traballadoras que fan a limpeza deste colexio, dependente da administración local, teñen pendente de cobrar nove meses de salarios da anterior empresa, Limpezas García Galcar. O impago das nóminas xa foi denunciado polas traballadoras diante do goberno local en decembro do ano pasado, durante unha xuntanza que mantiveron co Concello para solicitarlle que rescindise o contrato coa empresa polos reiterados incumprimentos.
A empresa acumulaba daquela xa tres meses de falta de pago e non obstante ao mes seguinte, en xaneiro, cando remataba a concesión, o goberno non só non lle retirou o servizo senón que lle renovou o contrato malia incumprir os pregos de maneira ostentosa.
Finalmente, o pasado 9 de xuño o Concello de Vilalba rescindiu o contrato con Limpezas García Galcar e adxudicoulle o servizo á empresa pública TRAGSA. “O que debería supor un alivio para as traballadoras converteuse nun pesadelo para algunha delas xa que TRAGSA se negou a subrogar a unha das compañeiras amparándose nunhas supostas irregularidades no seu contrato”, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo A Mariña.
Dereito á subrogación
A empresa García Galcar fixéralle á traballadora un primeiro contrato de tres meses e unha prórroga, e a partir de aí as partes acordaron un contrato verbal a tempo parcial. Malia demostrar cunha vida laboral e un certificado da dirección do centro conforme a traballadora asistía regularmente ao seu posto nas quendas habituais, TRAGSA rexeitou incorporala ao servizo alegando que, como empresa pública non pode subrogar persoal con contratos en fraude de lei, situación na que, ao seu entender, se atopa esta traballadora.
Porén, Xosé Paz subliña que a empresa só utiliza este criterio neste caso "porque recentemente houbo outras subrogacións en contratos de concellos, da Deputación etc., e TRAGSA non tivo ningún problema en subrogar contratos en fraude de lei".
O goberno municipal desenténdese
E mentres isto pasa no servizo de limpeza, a alcaldesa, a socialista Elba Veleiro, "desenténdense do conflito e bota balóns fóra, mostrando unha indiferencia indolente coa dramática situación laboral do persoal da limpeza deste colexio dende hai xa case un ano", denuncia Paz.
Así as cousas, a CIG vai recorre á vía xudicial para lograr que se recoñezan a subrogación da traballadora e que sexa reincorporada no seu posto no servizo de limpeza do colexio e ao mesmo tempo iniciará as actuación sindicais que necesarias para garantir que se respecten os dereitos deste colectivo de traballadoras.